Añadir esta página a favoritos
CUENTOS PARA MAYORES
CUENTO UNHA AVENTURA PARISINA (por Guy de Maupassant)
¿Existe na muller un sentimento máis agudo cá curiosidade? ¡Ouh, saber, coñecer, toca-lo que se soña! ¿Que cousa non faría ela por iso? Unha muller, cando a súa curiosidade impaciente está á espera, cometerá tódalas tolerías, tódalas imprudencias, terá tódolos atrevementos e non recuará diante de nada. Falo das mulleres, realmente mulleres, dotadas dese espírito de triple fondo que semella, na superficie, razoable e frío, pero con tres compartimentos secretos que están cheos: un, de inquedanza feminina sempre axitada; outro, de astucia con cores de boa fe, desa astucia dos beatos, sofística e temible; o último, finalmente, de mesquindade engaioladora, de engano exquisito, de deliciosa perfidia, de todas esas perversas calidades que empuxan ó suicidio ós amantes estupidamente crédulos, pero que marabillan ós outros.

Esta, de quen quero contar unha aventura, era unha mulleriña de provincias, inxenuamente honesta ata daquela. A súa vida, tranquila en aparencia, discorría no seu matrimonio, entre un marido moi ocupado e dous fillos, que educaba como muller irreprochable. Pero o seu corazón tremía dunha curiosidade insatisfeita, e dun prurito do descoñecido. Soñaba con París sen parar, e lía con avidez os xornais mundanos. O relato das festas, dos traxes, das parrandas, facía ferve-los seus desexos; pero sobre todo estaba misteriosamente preocupada polos ecos cheos de sobreentendidos, polos veos semilevantados en frases hábiles e que deixan entrever horizontes de praceres culpables e devastadores.

Desde alá lonxe percibía París nunha apoteose de luxo magnífico e corrompido.

E durante as longas noites de soños, arrolada polos ronquidos regulares do seu marido que durmía á súa beira de costas a ela, cun pano arredor da cabeza, pensaba naqueles homes coñecidos cuns nomes que aparecían na primeira páxina dos xornais como grandes estrelas nun ceo sombrizo; e ela figuraba a súa vida enlouquecedora, en continuo desenfreo, orxías anticuadas incriblemente voluptuosas e refinamentos de sensualidade tan complicados que nin sequera podía imaxinar.

Os bulevares semellábanlle como unha especie de abismo das paixóns humanas; e tódalas súas casas agachaban seguramente uns prodixiosos misterios de amor.

Sen embargo ela sentíase envellecer. Envellecía sen ter coñecido nada da vida, de non se-las súas ocupacións regulares, odiosamente monótonas e banais que constitúen, é o que se di, a felicidade do fogar. Aínda era fermosa, conservada naquela existencia tranquila como unha froita de inverno nun armario pechado; sen embargo víase consumida, estragada e trastornada por secretos ardores. Preguntábase se chegaría a morrer sen ter coñecido todas aquelas embriagueces reprobables, sen chegar a botarse por unha vez, por unha soa vez, completamente naquela vaga de voluptuosidades parisienses.

Cunha longa perseveranza, preparou unha viaxe a París e, inventando un pretexto, conseguiu que uns parentes a invitasen e, como o seu marido non podía acompañala, marchou ela soa.

Nada máis chegar, soubo imaxina-las razóns que lle permitirían, chegado o caso, ausentarse dous días ou, máis ben, dúas noites, se fose preciso, ó bater, dicía ela, cuns amigos que moraban no campo suburbano.

E buscou. Percorreu os bulevares sen ver nada, agás o vicio errante e numerado. Sondou coa vista os grandes cafés, leu atentamente os intercambios de correspondencia do Fígaro, que lle aparecían cada mañá como unha alarma, un recordo do amor.

E nunca nada a poñía sobre a pegada daquelas grandes orxías de artistas e de actrices; nada lle revelaba os templos daqueles desenfreos, como a cova das Mil e unha noites e aquelas catacumbas de Roma onde se celebraban en secreto os misterios dunha relixión perseguida.

Os seus parentes, pequenos burgueses, non podían presentarlle ningún daqueles homes de primeiro plano cuns nomes que lle zoaban na cabeza; e desesperada, pensaba en volver, cando o azar veu na súa axuda.

Un día, canda baixaba pola rúa da Chaussée-d'Antin, parou a contemplar unha tenda repleta daquelas bagatelas xaponesas con tantas cores que constituían un pracer para quen ollaba para elas. Estábase fixando nos graciosos marfís grotescos, nos grandes floreiros de esmaltes flamexantes e nos bronces raros, cando oíu no interior da tenda ó dono que, con enérxicas reverencias, amosaba un homiño gordo e calvo, de barba encanecida, un enorme monifate barrigudo, peza única, segundo dicía.

E a cada frase do comerciante, o nome do coleccionista, un nome célebre, soaba coma un toque de trompeta. Os outros clientes, unhas señoras aínda novas, uns señores elegantes, contemplaban, cunha ollada furtiva e rápida, unha ollada rápida e como Deus manda e manifestamente respectuosa, ó coñecido escritor, que miraba con paixón para o monifate de porcelana. Tan feo era un coma o outro, feos como dous irmáns saídos do mesmo seo.

O comerciante dicía:

–Para vostede, don Xoán Varin, deixareillo en mil francos; é exactamente o que me custa a min. Para os demais serían mil cincocentos francos; pero aprecio a miña clientela de artistas e fágolle prezos especiais. Todos veñen á miña casa, don Xoán Varin. Onte, o señor Busnach mercoume unha gran copa antiga. Vendínlle o outro día dous candelabros coma estes,¿son bonitos ou non?, ó señor Alexandre Dumas. Olle para esa peza que ten vostede, señor Varin; se a vise o señor Zola, xa estaría vendida, señor Varin.

O escritor, moi perplexo, dubidada, tentado polo obxecto, pero pensando no prezo; e non se ocupaba máis das olladas que se estivese nun deserto.

Ela entrara tremendo, coa vista posta descaradamente sobre el, e nin sequera se preguntaba se era fermoso, elegante ou novo. Era el, Jean Varin. ¡Jean Varin!

Despois dunha longa pugna interior, dunha dolorosa vacilación, deixou o floreiro enriba dunha mesa.

–¡Non, é demasiado caro! –dixo.

O comerciante redobrou a súa elocuencia.

–¡Ouh, don Jean Varin, ¿demasiado caro? Iso ben vale dous mil francos como o ouro.

O home de letras replicou tristemente ollando aínda para a figuriña de ollos de esmalte:

–Non digo que non; pero é demasiado caro para min.

Entón ela, asombrada por unha audacia enlouquecida, adiantouse:

–Para min –preguntou–, ¿cánto vale ese homiño?

O comerciante, sorprendido, replicou:

–Mil cincocentos francos, señora.

–Mércoo eu.

O escritor, que ata aquel momento nos se apercibira da súa presencia, volveuse bruscamente e mirouna de pés a cabeza observándoa cos ollos un pouco pechados; logo, máis fixamente, examinouna con detalle.

Estaba encantadora, animada, iluminada de súpeto por aquela chama que ata daquela durmía nela. E ademais, unha muller que merca unha chilindrada por mil cincocentos francos non é unha calquera.

Ela tivo entón un movemento de arrebatadora delicadeza; e, volvéndose cara a el, con voz tremente, dixo:

–Perdón, señor, fun sen dúbida un pouco precipitada; poida que vostede aínda teña algo que dicir.

El fixo unha reverencia e dixo:

–Xa o dixen, señora.

Pero ela, moi emocionada, retrucou:

–En fin, señor, hoxe ou outro día, se lle convén cambiar de opinión, esta figuriña é súa. Só a merquei porque lle agradara a vostede.

El sorriu, visiblemente afagado.

–¿Como, así que me coñece vostede? -preguntou.

Entón, ela faloulle da súa admiración, citoulle as súas obras e foi elocuente.

Para falar, el apoiárase nun moble e espetando nela os seus ollos agudos intentaba descifrala.

Por veces, o comerciante, feliz de posuír aquel reclamo vivente, cando entraban clientes novos berraba desde o outro extremo da tenda:

–¡Ei!, olle isto, Don Jean Varin, é fermoso ¿non si?

Entón, tódalas cabezas se erguían e ela tremía co pracer de ser vista así, parolando con toda confianza cun home ilustre.

Ó remate, embriagada, tivo unha audacia suprema, coma os xenerais que van ordena-lo asalto.

-Señor –dixo ela–, fágame un favor e permítame que lle ofreza este monicreque en lembranza dunha muller que o admira con paixón e que vostede terá visto durante dez minutos.

El negouse. Ela insistiu. El resistiuse, divertíndose e rindo con toda a alma.

Ela, díxolle de xeito teimudo:

–Pois ben, vouno levar á súa casa axiña. ¿Onde vive vostede?

Como se negou a darlle o seu enderezo, ela preguntoullo ó comerciante e sóuboo, e, despois de paga-la súa adquisición, escapou cara a un coche de punto. O escritor correu atrás dela para alcanzala, porque non quería expoñerse a recibir aquel regalo, que non sabería a quén devolver. Chegou a xunto dela cando subía ó coche e lanzouse, case caeu sobre ela, derrubado polo coche que se poñía en camiño; despois sentou ó seu lado, moi enfadado.

Por moito que rogou, que insistiu, ela amosouse intratable. Cando chegaron diante da porta, ela puxo as súas condicións.

–Aceptarei –dixo–, non deixarlle isto, se vostede cumpre hoxe tódolos meus desexos.

A cousa pareceulle tan extravagante que aceptou.

Ela preguntoulle:

–¿Qué adoita facer vostede a esta hora?

Despois de dubidar un pouco dixo:

–Dou un paseo.

Entón, con voz decidida, ela ordenou:

–¡Ó bosque!

E alá foron.

El viuse na obriga de nomear a tódalas mulleres que coñecera, sobre todo as impuras, con detalles íntimos sobre elas, a súa vida, os seus costumes, cómo era a súa casa e os seus vicios.

Atardecía e ela preguntoulle:

–¿Qué fai vostede tódolos días a esta hora?

El respondeu rindo:

–Tomo un absintio.

Entón, moi seria, engadiu:

–Daquela, señor, imos tomar un absintio.

Entraron nun gran café do bulevar que el frecuentaba e onde bateu con algúns colegas. Presentoullos e ela estaba tola de ledicia. E comezaron a soar na súa cabeza estas palabras: "¡Por fin! ¡Por fin!".

Transcorría o tempo e ela preguntou:

–¿Élle a hora de cear?

El respondeu:

–Si, señora.

–Daquela, señor, vaiamos cear.

Ó saír do café Bignon, ela dixo:

–¿Que fai vostede á noite?

El ollou para ela fixamente:

–Depende, ás veces vou ó teatro.

–Ben, pois vaiamos ó teatro.

Entraron no Vaudeville, de favor, gracias a el, e, gloria suprema, toda a sala a viu ó seu carón, sentada nas butacas do palco.

Unha vez rematada a representación, bicoulle cortesmente a man:

–Só me queda, señora, agradecerlle a xornada deliciosa... Ela interrompeuno.

-¿A esta hora que fai vostede á noite?

–Pois... pois... volvo para a casa.

Ela botouse a rir, cun riso trémulo.

E non falaron máis. Ela tremía por momentos, sacudida dos pés á cabeza, con ganas de fuxir e de quedar, e no máis fondo do seu corazón, cunha moi firme vontade de ir ata o final.

Na escaleira, ela agarrábase á varanda, pois tan viva era a súa emoción; e el subía diante, sen folgos, cun misto na man.

A partir do momento en que estivo no seu cuarto, espiuse moi axiña e meteuse na cama sen pronunciar unha palabra; e esperou, encollida contra a parede.

Pero ela era tan simple como pode selo a esposa lexítima dun notario de provincias e el máis esixente ca un paxá de tres colas. Non se entenderon en absoluto.

Entón el quedou durmido. A noite foi pasando, turbada unicamente polo tictac do reloxo, e ela, inmóbil, soñaba coas noites conxugais; e baixo os raios amarelos dun farol chinés ollaba, aflixida, para o seu lado, para aquel homiño de costas a ela, gordecho, cun ventre en forma de bóla que levantaba a saba como un globo inchado con gas. Roncaba cun ruído de tubo de órgano, fungando de xeito prolongado e con estrangulamentos cómicos. Os seus vinte cabelos aproveitaban o seu repouso para erguerse de xeito estraño, cansos da súa prolongada situación fixa sobre aquel cranio nu e cuns estragos que debían velar. E un fío de cuspe corría por unha comisura da súa boca entreaberta.

O albor esvarou por fin un pouco de luz entre os cortinados pechados. Ela ergueuse, vestiuse sen facer ruído e xa abrira a medias a porta cando fixo renxe-la pechadura e el espertou fregando os ollos.

Permaneceu algúns segundos sen recobrar plenamente os sentidos e, logo, cando recuperou a lembranza de toda a aventura, preguntou:

–E qué, ¿xa marcha vostede?

Ela seguía de pé, confusa. Balbuciu:

–Pois claro, xa veu o día.

El incorporouse e dixo:

–Imos ver unha cousa, porque eu tamén teño algo que preguntarlle.

Ela non respondía e el continuou:

–Tenme vostede moi estrañado desde onte. Sexa vostede sincera, conféseme por qué fixo todo isto, porque eu non entendo nada.

Achegouse a el a modiño, ruborizada como unha virxe, e dixo:

–Quixen coñece-lo... vicio... e, ben..., ben, non é moi divertido.

E botou a correr, baixou a escaleira e lanzouse á rúa.

O exército dos varredores varría. Varrían as beirarrúas, os lastros, empuxando todo o lixo ó regato. Cun movemento regular, cun movemento como o dos segadores nun prado, empuxaban a lama en semicírculo diante deles; e, de rúa en rúa, ela ía batendo con eles como monicreques articulados, que andaban automaticamente cun mesmo resorte.

E parecíalle que tamén dentro dela acababan de varrer algo, de empuxar algún ó regato, ó sumidoiro, as súas fantasías sobreexcitadas.

Regresou para a casa, sen folgos, con frío, conservando unicamente na súa cabeza a sensación daquel movemento das xestas que limpaban París pola mañanciña.

E, nada máis chegar ó seu cuarto, botouse a chorar.


Lección / Moraleja:
Por editar.
OTROS CUENTOS DE Guy de Maupassant
Cuentos Infantiles, audiocuentos, nanas, y otros en CuentoCuentos.net © 2009 Contacta con nostrosAviso Legal

eXTReMe Tracker

La mayoría del material de CuentoCuentos.net es proporcionado por nuestros usuarios, proveniente del grandísimo almacén que es la red. Si considera que alguno del material expuesto vulnera sus derechos y/o prerrogativas, le rogamos que nos lo comunique contactando con nosotros