Añadir esta página a favoritos
CUENTOS PARA MAYORES
CUENTO MARROCA (por Guy de Maupassant)
Amigo meu, pedíchesme que che enviase as miñas impresións, as miñas aventuras e, sobre todo, as miñas historias de amor nesta terra de África que me atraía desde hai tanto tempo. Rías moito, con antelación ás miñas tenruras negras, como ti dicías; e víasme xa volver seguido por unha enorme muller de ébano, toucada cun pano amarelo e abalando dentro duns vestidos esplendorosos.

Sen dúbida, a quenda das Mauricaudes virá sen dúbida, pois xa vin varias que me deron algunhas ganas de mollarme nesa tinta; pero batín na a miña estrea con algo mellor e particularmente orixinal.

Ti escribíchesme na túa última carta: "Cando sei como se ama nun país, coñezo ese país para describilo, aínda que non o vise nunca." Pois direiche que aquí ámase de xeito apaixonado. Percíbese, desde os primeiros días, unha especie de ardor tremelucente, unha axitación, unha brusca tensión dos desexos, un nerviosismo que corre ata a punta dos dedos, que os sobreexcitan ata alporiza-las nosas potencias amorosas e tódalas nosas facultades de sensación física, desde o simple contacto das mans ata esa innomeable necesidade que nos fai cometer tantas parvadas.

Entendámonos ben. Eu non sei se o que vós chamades amor do corazón, amor das almas, se o idealismo sentimental, o platonismo digamos, pode existir sobre a Terra; en todo caso eu dubídoo. Pero o outro amor, o dos sentidos, que ten cousas boas e moi boas, é verdadeiramente terrible neste clima. A calor, esa constante ardentía do aire que vos alporiza, eses abafantes sopros de aire do Sur, esas mareas de lume que chegan do gran deserto, tan próximo, ese pesado siroco, máis devastador, máis disecador cás lapas, ese perpetuo incendio dun continente enteiro queimado ata as pedras por un sol enorme e devorador, abrasan o sangue, enlouquecen a carne e converten a un nun salvaxe.

Pero xa chego á miña historia. Non che digo nada dos meus primeiros tempos da miña estadía en Alxeria. Despois de visitar Bône, Constantine, Biskra e Sétif, vin a Bougie polas gorxas do Chabet, e unha incomparable rota a través dos bosques cabilos, que segue o mar dominándoo desde douscentos metros e serpea segundo os festóns da alta montaña, ata este marabilloso golfo de Bougie, tan fermoso coma o de Nápoles, coma o de Ajaccio e coma o de Douarnenez, os máis admirables que eu coñezo. Exceptúo da miña comparación esta inverosímil baía de Porto, cinguida de granito vermello e habitada polos fantásticos e sanguentos xigantes de pedra que se chaman as "Calanche", de Piana, na costa oeste de Córsega.

De lonxe, de moi lonxe, antes de rodea-la gran fervenza onde dorme a auga pacífica, percíbese Bougie. Está construída nas pronunciadas abas dun monte moi elevado e coroado por bosques. É unha mancha branca nesa pendente verde; pódese dici-
la escuma dunha fervenza que cae no mar.

Nada máis poñe-lo pé nesta pequeniña e encantadora cidade, comprendín que ía quedar alí durante moito tempo. Por tódalas partes a vista abrangue un vasto círculo de cumios ganchudos, dentados, bicudos e estraños, tan pechados que un á penas descobre o mar e que o golfo ten a aparencia dun lago. A auga azul, dun azul leitoso era dunha transparencia admirable; e o ceo de azur, dun azur espeso, coma se lle pasasen dúas capas de cor, estende por riba del a súa sorprendente fermosura. Parece coma se ollase un para o outro e se enviasen os seus reflexos.

Bougie é a cidade das ruínas. No peirao, cando se chega, un pode atopar unhas ruínas tan fantásticas que case se podería dicir de ópera. É a antiga porta sarracena, invadida pola hedra. E nos bosques montuosos que rodean a cidade, ruínas por tódalas partes, lenzos de murallas romanas, pezas de monumentos sarracenos e restos de construccións árabes.

Eu alugara na parte alta da cidade unha casiña mourisca. Xa coñeces estas moradas descritas tan a miúdo. Non teñen fiestras cara ó exterior, pero un patio interior ilumínaas de arriba abaixo. No primeiro andar teñen unha gran sala fresca onde se pasan os días, e enriba de todo unha terraza onde pasa-las noites.

Moi axiña me adaptei ós costumes dos países quentes, é dicir, a durmi-la sesta despois do xantar. É a hora sufocante de África, a hora en que non se respira, a hora en que as rúas, as chairas, as longas estradas cegadoras están desertas, en que todos dormen, tratando polo menos de durmir, con tan pouca roupa como é posible.

Eu instalara na miña sala de columniñas de arquitectura árabe un enorme e esponxoso diván, cuberto por tapices do Djebel-Amour. Deitábame enriba del máis ou menos en traxe de Assan, pero non podía á penas descansar, torturado pola miña continencia.

¡Ouh!, amigo meu, nesta terra hai dous suplicios que eu non che desexo que coñezas: a falta de auga e a falta de mulleres. ¿Cal é o máis arrepiante? Non o sei. No deserto, cometeríase calquera infamia por un vaso de auga limpa e fría. ¿Que cousa non se faría nalgunha cidade do litoral por unha fermosa moza fresca e sa? ¡Pois, en África, as mozas non faltan! Ó contrario, abundan. Pero, para continuar coa miña comparación, teñen tan malos instintos e están tan corrompidas coma os líquidos lamacentos dos pozos saharianos.

Agora ben, certo día, máis nervioso ca de costume, intentei, pero foi inútil, pecha-los ollos. As miñas pernas vibraban como se as picasen por dentro; unha angustia inquieta facíame dar voltas constantemente sobre as miñas alfombras. Por fin, sen poder conterme por máis tempo, erguinme e saín.

Era xullo, nunha tarde tórrida. Os lastros das rúas estaban tan quentes que se podería coce-lo pan neles; a camisa, axiña empapada, apegábase ó corpo; e, por todo o horizonte flotaba un vaporciño branco, ese bafo ardente do siroco, que semella calor tanxible.

Baixei cara ó mar; e, rodeando o porto, empecei a segui-la ribeira ó longo da fermosa baía onde están os baños. A costenta montaña, cuberta de matogueiras, de altas plantas aromáticas de recendos poderosos, redondéase en círculo arredor deste ancoradoiro onde se somerxen, todo ó longo da beira, uns enormes rochedos escuros.

Ninguén fóra; non se movía unha póla; nin un berro de animal, nin voos de paxaros, nin un ruído, nin sequera unha batuxada, ata tal punto que o mar inmóbil semellaba engoumado baixo o sol. Pero no aire quente crin captar unha especie de zunido de lume.

De súpeto, detrás dunha daquelas rochas semiafogadas na onda silandeira, adiviñei un lixeiro movemento; e, cando me virei, percibín, tomando o seu baño e crendo que estaba soa a aquela hora abrasadora, unha moza alta e espida, somerxida ata os seos. Viraba a cabeza cara ó mar inmenso e brincaba a modo sen me ver.

Nada máis extraordinario ca este cadro: aquela fermosa muller naquela auga transparente coma o cristal baixo aquela luz cegadora. Pois era marabillosamente fermosa, aquela muller, alta, modelada como unha estatua.

Deu a volta, botou un berro, e, unhas veces nadando e outras andando, agachouse por completo detrás da súa rocha.

Como tiña necesariamente que saír, senteime na beira e esperei. Entón ela amosou pouco a pouco a súa cabeza cargada de pelo negro atado de calquera maneira. A súa boca era ancha, os labios recachados e carnosos, os ollos enormes, ollando de xeito descarado, e todo o seu corpo un pouco bronceado polo clima parecía un corpo de marfil antigo, duro e doce, de fermosa raza branca, tinxido polo sol dos negros.

Berroume: "¡Váiase de aquí!". E a súa voz clara, un pouco forte como toda a súa persoa, tiña un acento gutural. Non me movín. Engadiu: "Non está ben que vostede se quede aí, señor". Os erres, na súa boca, arrolábanse como carretas. Non me movín en absoluto. A cabeza desapareceu.

Pasaron dez minutos e os cabelos, logo a fronte e despois os ollos volveron amosarse con lentitude e prudencia, como o fan os nenos que xogan ás agachadas para observar a quen os busca.

Desta vez tiña un aspecto enfadado; berrou: "Vai conseguir que me poña mal. Non vou marchar mentres que vostede siga aí". Entón, levanteime e marchei, non sen volver mirar varias veces. Cando pensou que eu estaba lonxe dabondo, saíu da auga, medio dobrada, dándome as costas e desapareceu por un burato da rocha, por detrás da saia pendurada na entrada.

Volvín ó día seguinte. Estaba outra vez tomando un baño, pero vestida cun traxe de baño dunha peza. Botouse a rir amosándome os dentes brillantes.

Oito días despois, eramos amigos. Oito días máis e volvémonos aínda máis amigos.

Chamábase Marroca, sen dúbida un alcume, e pronunciaba esta palabra coma se tivese quince erres. Filla de colonos españois, casara cun francés chamado Pontabèze. O seu marido era funcionario do Estado. Eu nunca souben exactamente cáles eran as súas responsabilidades. Comprobei que estaba moi ocupado e xa non fun máis aló coas miñas preguntas.

Entón, cambiando a hora do seu baño, veu tódolos días despois do meu xantar a durmi-la sesta á miña casa. ¡Que sesta, se a iso se lle pode chamar descanso!

Era realmente unha moza admirable, cun tipo un pouco bestial, pero soberbia. Os seus ollos semellaban sempre brillantes de paixón; a súa boca entreaberta, os seus dentes aguzados, mesmo o seu sorriso tiña algo de fera sensualidade; e os seus estraños seos, alongados e dereitos, bicudos como peras de carne, elásticos coma se encerrasen resortes de aceiro, daban ó seu corpo un algo de animal, facían dela unha especie de ser inferior e magnífico, de criatura destinada ó amor desenfreado, e espertaban en min a idea de obscenas divindades antigas onde as libres tenruras se estendían no medio das herbas e das follas.

Nunca ningunha muller levou nos seus seos desexos máis difíciles de aplacar. Os seus ardores carnais e os seus abrazos ouveadores, co rinchar dos dentes, convulsións e adentadas, ían seguidos case de contado por adormecementos tan profundos coma os dun morto. Pero ela espertaba bruscamente nos meus brazos, disposta a novos abrazos, coa boca chea de bicos.

De entendemento, por outra parte, era tan simple como dous e dous son catro, e cun riso sonoro substituía o seu pensamento.

Orgullosa por instinto da súa fermosura, sentía horror polos veos, mesmo polos máis lixeiros, e circulaba, corría e brincaba pola miña casa cunha falta de pudor inconsciente e atrevido. Cando por fin estaba farta de amor, extenuada polos berros e o movemento, durmía á miña beira, no diván, cun sono forte e apracible; mentres que a aniquiladora calor facía despuntar na súa pel bronceada minúsculas pingas de suor e dela desprendíase, dos seus brazos erguidos baixo a cabeza, de tódolos seus pregamentos secretos, ese recendo salvaxe que agrada ós machos.

Ás veces volvía ó serán, cando o seu marido estaba de servicio non sei ónde. Daquela, deitabámonos na terraza, á penas envoltos en finos e flotantes tecidos de Oriente.

Cando a luminosa lúa chea dos países quentes se estendía totalmente polo ceo, iluminando a cidade e o golfo co seu marco redondeado de montañas, entón percibiamos en tódalas demais terrazas como un exército de silenciosos fantasmas deitados que ás veces se erguían, cambiaban de sitio e se volvían deitar baixo a morneza indolente do ceo en calma.

Malia a claridade daquelas noites de África, Marroca obstinábase en continuar espida tamén baixo os claros de lúa; á penas se preocupaba por todos cantos nos podían ver e a miúdo botaba durante a noite, a pesar dos meus medos e os meus rogos, longos berros vibrantes, que facían ouvea-los cans ó lonxe.

Unha noite en que eu estaba medio adormecido, baixo un amplo firmamento enzoufado de estrelas, veu axeonllarse na miña alfombra e achegando a miña boca ós seus grandes labios avultados dixo:

–Tes que vir durmir á miña casa.

Eu non comprendía: –¿Como? ¿Á túa casa?

-Si, cando o meu marido marche, virás durmir no seu sitio.

Non puiden impedir que me dese a risa.

–¿E iso por qué, se ti vés aquí?

Continuou, falándome na boca, botándome o seu alento cálido ó fondo da gorxa, mollando o meu bigote co seu sopro:

–É para quedarme cun recordo.

E o erre de recordo arrastrouse durante un bo anaco cun estrondo de torrente sobre as rochas.

Eu non daba collido a súa idea. Pasoume os seus brazo polo colo.

–Cando xa non esteas aquí, pensarei nisto. E cando abrace o meu marido, será coma se foses ti.

E tódolos erres adquirían na súa voz estrondos de tronos familiares.

Murmurei entenrecido e con gran ledicia:

–Estás tola. Prefiro quedar na miña casa.

En efecto, non sinto ningún pracer polas citas baixo un teito conxugal; son rateiras onde sempre caeron os imbéciles. Pero ela rogoume, suplicoume, mesmo chorou, engadindo:

–Verás cánto te vou querrrerrr.

Aquel querrrerrr resoaba como un redobre de tambor tocando á carga. O seu desexo parecíame tan singular que eu non mo explicaba; despois, pensando niso, crin ver cómo nacía certo odio profundo contra o seu marido, unha desas vinganzas secretas de muller que engana con agrado o home aborrecido, e unha vez máis quere enganalo na súa propia casa, nos seus mobles e nas súa sabas. Díxenlle:

–¿O teu marido pórtase moi mal contigo?

Puxo cara de anoxada.

–Ouh, non, moi ben!

-Pero, ti non o amas, ¿non si?

Ela espetoume os seus grandes ollos de asombro.

–Si que o quero moito, é certo, moito, moito, pero non tanto como a ti, meu corrrazón.

Eu xa non comprendía nada en absoluto e, como intentaba adiviñar, ela apertoume a boca cunha daquelas caricias cheas dun poder que ela coñecía, e logo murmurou:

–¿Vas virrr, dime?

Eu resistíame sen embargo. Entón ela vestiuse axiña e marchou.

Estivo oito días sen aparecer. O noveno día apareceu, parouse moi seria no limiar do meu cuarto e preguntou:

–¿Vas vir este serán durmirrr á miña casa? Se non ves, marrrcho.

Oito días, é moito tempo, amigo meu, e, en África, estes oito días valían o mesmo ca un mes. Berreille "Si", e abrín os brazos. Ela botouse neles.

Á noite, esperoume nunha rúa veciña e guioume.

Moraban preto do porto nunha casiña baixa. Crucei primeiro unha cociña onde o matrimonio tomaba as súas comidas, e penetrei no dormitorio branqueado, limpo, con fotografías de parentes cubrindo as paredes e flores de papel baixo uns fanais. Marroca semellaba louca de ledicia: brincaba, repetindo: "Aquí te teño, na miña casa, aquí estás na túa casa."

Efectivamente, comporteime coma se estivese na miña casa.

Estaba un pouco molesto, confésoo, e mesmo inquieto. Como dubidaba, naquela casa descoñecida, en quitar ningunha peza de roupa sen a que un home sorprendido resulta tan torpe como ridículo, e incapaz de toda acción, ela arrincouma á forza e levouna ó cuarto do lado, con tódalas miñas outras pezas de roupa.

Recobrei a seguridade en min mesmo e demostreillo con todo o meu ardor, se ben que ó cabo de dúas horas nos pensabamos máis que en volver ó repouso, cando uns golpes violentos chamando á porta nos fixeron estremecer; e unha voz forte de home berrou: "Marroca, son eu".

Ela deu un salto:

–¡O meu home! Axiña, métete debaixo da cama.

Eu buscaba enlouquecido o meu pantalón; pero ela empuxoume, arquexante:

–Veña, vaite.

Deiteime de fociños e esvarei sen murmurar debaixo da cama, na que eu tan ben estaba.

Daquela, ela pasou á cociña. Oína abrir un armario, pechalo, logo volveu, traendo un obxecto que eu non percibín, pero que ela pousou de contado en algures; e, como o seu marido perdía a paciencia, ela respondeu cunha voz forte e tranquila:

–Non atopo os mistos –logo, de súpeto–: Aquí están, xa che abrrro.

E abriulle. O home entrou. Só vin os seus pés, uns pés enormes. Se o resto estaba en proporción, debía ser un coloso.

Oín bicos, unha palmada sobre a carne núa, un riso; logo el dixo cun acento marsellés:

–Esquecín o moedeiro e tiven que volver. En todo caso, penso que durmías moi a gusto.

Foi cara á cómoda, buscou durante algún tempo o que necesitaba; logo, como Marroca se deitara na cama coma se estivese rendida polo cansazo, volveu a pé dela, e sen dúbida intentaba acariciala, pois ela lanzoulle, con frases irritadas, unha metralla de erres furiosos.

Tiña os pés tan preto de min que me viñeron unhas ganas loucas, estúpidas, inexplicables de tocarllos moi docemente. Contívenme.

Como os seus proxectos non tiñan éxito, el ofendeuse e dixo:

–¡Que ameazadora estás hoxe!

Pero resignouse e despediuse: "¡Adeus, cariño!". Soou un novo bico; logo, os grandes pés volvéronse, amosáronme os seus cravos ó se iren afastando de min e pasaron ó cuarto contiguo; e a porta da rúa pechouse de novo.

Estaba a salvo. Saín pouco a pouco do meu retiro, humilde e deplorable; e mentres que Marroca, aínda espida, danzaba unha xiga arredor de min rindo ás gargalladas e aplaudindo, deixeime caer pesadamente nunha cadeira. Pero volvinme erguer dun salto: unha cousa fría xacía debaixo de min, e como eu non estaba máis vestido cá miña cómplice, o contacto estarrecérame. Dei a volta.

Acababa de sentar enriba dunha macheta de cortar madeira, afiada como un coitelo. ¿Como chegara ata aquel lugar? Eu non me decatara dela ó entrar.

Marroca, vendo o meu sobresalto, afogaba de ledicia, botaba berros, tusía, coas dúas mans no ventre.

Aquela ledicia pareceume fóra de lugar, inconveniente. Xogaramos coa nosa vida dun xeito estúpido; eu aínda tiña frío nas costas e aqueles risos loucos feríanme un pouco.

–¿E se me viu o teu marido? –pregunteille.

Ela respondeu:

–Non hai perigo.

–¿Como? ¿Non había perigo? –aquilo era incrible–. Con só abaixarse podía atoparme.

Xa non ría; ela só sorría ollando para min fixamente cos seus ollos grandes, onde xermolaban novos desexos.

–El non se abaixaría.

Eu insistín.

–¡Por exemplo, con que só lle caese o chapeo, veríase obrigado a recollelo, e daquela... eu estaba ó xeito, con este traxe.

Ela pousou enriba dos meus ombreiros os seus brazos redondos e vigorosos, e baixando o ton, coma se me estivese dicindo: "¡Adorrrote!", murmurou:

–Nese caso, non chegaría a volver erguerse.

Eu non entendía nada:

–¿E iso por que?

Chiscou un ollo con malicia, alongou a man cara á cadeira onde eu acababa de sentar; e o seu dedo estricado, o pregue da súa meixela, os seus labios entreabertos, os seus dentes aguzados, claros e feroces, todo aquilo indicábame a machetiña de fende-la madeira, que lucía un fío relucente.

Fixo aceno de collela; logo, atraéndome co brazo esquerdo contra ela, pegando a súa cadeira contra a miña, ¡co brazo dereito bocexou o movemento que decapita un home de xeonllos...!

¡E aí tes, amigo meu, como se comprenden aquí os deberes conxugais, o amor e a hospitalidade!


Lección / Moraleja:
Por editar.
OTROS CUENTOS DE Guy de Maupassant
Cuentos Infantiles, audiocuentos, nanas, y otros en CuentoCuentos.net © 2009 Contacta con nostrosAviso Legal

eXTReMe Tracker

La mayoría del material de CuentoCuentos.net es proporcionado por nuestros usuarios, proveniente del grandísimo almacén que es la red. Si considera que alguno del material expuesto vulnera sus derechos y/o prerrogativas, le rogamos que nos lo comunique contactando con nosotros