Añadir esta página a favoritos
CUENTOS ALECCIONADORES
CUENTO OS CATRO IRMáNS HABILIDOSOS (por Hermanos Grimm)
Era unha vez un home pobre que tiña catro fillos e, cando se fixeron homes, díxolles:

—Queridos fillos, tedes que ir gaña-lo pan, xa que eu non teño que darvos. Partide, aprendede un oficio e facede pola vida.

E así, colleron os irmáns cadanseu caxato, despedíronse do pai e partiron xuntos. Pasado un tempo chegaron a unha encrucillada que se abría en catro direccións. O máis vello dos irmáns dixo:

—É hora de separármonos para proba-la nosa sorte. Dentro de catro anos xuntarémonos de novo aquí.

Así, proseguiu cada un o seu camiño; e, ó pouco tempo, o máis vello deles deu cun home que lle preguntou para ónde ía e qué quería facer.

— Quero aprender un oficio— contestou.

—¡Pois ven comigo e faite ladrón!

—Non –díxolle–, iso non é traballo honrado; e, ó final, acabarei pendurando de calquera árbore, coma o badalo dunha campá.

—Non lle temas á forca. Eu ensinareiche como coller cousas que ninguén pode conseguir e sen deixar rastro.

Deixouse convencer para adestrarse na tarefa de roubar, e chegou a ser un ladrón tan hábil que se facía con todo aquelo que lle viñese en gana ter.

Do mesmo xeito, o segundo irmán deu cun home que tamén lle preguntou qué quería facer neste mundo.

—Aínda non o sei –contestou el.

—Ven comigo e aprende a observa-las estrelas. Non hai nada mellor ca eso porque nada hai que escape á nosa mirada –explicoulle o home.

Ó rapaz gustoulle a idea, e chegou a ser un astrónomo tan bo quen cando aprendeu de todo o oficio e quixo marchar, o seu mestre regaloulle un prismático.

—Poderás ver con el todo o que suceda no ceo e na terra, e nada haberá que poida agocharse á túa mirada –díxolle.

O terceiro irmán foi de aprendiz dun cazador; tivo un bo mestre e aprendeu todo o que se podía aprender. Cando se despediron, o mestre regaloulle un escopeta e díxolle:

—Nunca falla o obxectivo. ¡Sempre has acertar naquilo ó que apuntes!

Da mesma maneira, o irmán máis novo deu cun home que lle fixo a mesma pregunta:

—¿Non tes gana de ser xastre?

—¡Vaiche boa! ¡Eu, sentado coas pernas cruzadas todo o día, agulla en man dun lado para outro e pasando o ferro sen parar!

—Non, non che é así o conto –retrucoulle o home–. Comigo aprenderás un xeito de coser totalmente diferente, decente e incluso ás veces bastante loado.

Así que, deixouse convence-lo rapaz, foi con el e aprendeu o oficio de principio a fin. Cando rematou a súa aprendizaxe, recibiu unha agulla do seu mestre.

—Con ela podes coser todo o que queiras –explicoulle este– tanto se for mol coma un ovo ou duro coma o aceiro, e hase converter nun todo no que non se percibirá nin sequera un punto.

Ós catro anos, xuntáronse ós irmáns a un tempo na encrucillada, abrazáronse, bicáronse e regresaron onda o pai.

—¿Seica o Noso Señor vos trouxo de novo a min?

E cada un dos fillos contou a súa experiencia e mailo que aprendera.

Sentaron debaixo dunha grande árbore, en fronte da casa, e dixo o pai:

—Quero comproba-lo que sabedes.

E, ollando para arriba, díxolle ó segundo fillo:

—No cume desa árbore, entre dúas pólas, hai un niño de pimpín. Dime cantos ovos ten.

O astrónomo sacou o seu prismático, observou e dixo:

—Hai cinco.

—Vai e baixa os ovos, sen molestar ó paxaro que os choca –díxolle ó fillo máis vello.

O ladrón subiu, colleulle os ovos ó paxaro, que non se decatou e ficou alí tranquilo, e levoullos ó pai, quen puxo un en cada esquina da mesa e o quinto no medio.

Daquela díxolle ó cazador:

—Cun só disparo parte os cinco ovos xusto á metade.

O cazador colocou o súa escopeta e disparou como mandara o pai: os cinco dunha soa volta. E sábese ben porque a pólvora virou en cada esquina.

—Agora é a túa vez –díxolle ó máis novo–. Cose os ovos e os paxariños que están dentro, pero de xeito que non quede rastro do disparo.

O xastre colleu a súa agulla e coseu como se lle mandou. Cando acabou, tivo o ladrón que levar de novo os ovos ó niño sen que se decatase o paxaro, que seguiu chocando os ovos ata que romperon un par de días máis tarde. Podíase ver no pescozo dos paxariños unha pequena raia vermella, xusto onde os cosera o xastre.

— Si –díxolle o pai ós fillos–. Teño que loa-las vosas habilidades; realmente aproveitáste-lo tempo e aprendestes algo como Deus manda. Non podo dicir que un sexa mellor có outro, pero isto xa se verá en canto teñáde-la oportunidade de demostralo.

Pouco tempo despois, houbo un grande rebumbio no país porque se dicía que un dragón secuestrara a princesa. O rei, que xa non durmía, fixo saber que, quen a trouxese de volta, casaría con ela. Os catro irmáns dixeron:

—Sería unha boa ocasión para proba-las nosas habilidades.

E decidiron partir xuntos a rescatala.

—Heivos dicir agora onde está –dixo o astrónomo, mirando polo seu prismático–, xa a vexo. Está moi, moi lonxe, sentada nunha rocha no medio do mar e, á súa beira, o dragón que a vixía.

Foi entón a xunto do rei e pediulle un barco para el e os seus irmáns, e viaxaron nel polo mar ata chegaren á rocha. Alí estaba sentada a princesiña, pero o dragón durmía deitado no seu colo.

O cazador dixo:

— Non podo disparar, pois mataría tamén á fermosa rapaza.

—Probarei eu sorte –dixo o ladrón.

Escorregou ata alí e roubouna de debaixo do dragón, con tanta habilidade e suavidade, que este non se decatou de nada e seguiu a roncar. Todos contentos e a correr, subiron ó barco e marcharon; pero en canto o dragón espertou e viu que faltaba a princesa, anoxouse moitísimo e voou tras eles, botando fume polo nariz. Cando alcanzou o barco, quixo pousar enriba del, e xa estaba a piques de afundilo cando o cazador lle disparou no medio do corazón. O monstro caeu, pero como era tan grande e pesado partiu o barco en mil cachos. Por sorte, os mozos botaron man dun par de táboas e, agarráronse a elas para non afogaren naquel inmenso mar. Pero xa o xastre collera a súa agulla máxica, sentou nunha das táboas e recolleu tódolos cachos do barco. En pouco tempo, o barco estivo en condicións de navegar. E volveron á casa.

O rei virou louco de felicidade cando viu a súa filla, e díxolle ós irmáns:

—Un de vós poderá toma-la princesa como esposa: tedes que decidir quen entre os catro.

Como todos a querían, os irmáns tiveron unha forte rifa.

—¡Se eu non a vise co meu prismático de nada servirían as vosas habilidades, así que son eu quen merece a princesa! –dixo o astrónomo.

—¡De que había vale-lo teu prismático se eu non lla roubase ó dragón! ¡A princesa será miña! –dixo o ladrón.

—¡Se eu non lle disparase ó monstro, mataríavos a vós e mais a ela! ¡A princesa será miña! –dixo o cazador.

—¡Pois se eu non cosese as táboas do barco –argumentou o xastre–, estariades todos afogado! ¡A princesa será miña!

—Todos fostes necesarios e todos merecéde-la princesa – falou o rei–; pero como non podedes te-la rapaza os catro, non a terá ningún. Como recompensa dareivos parte do meu reino.

Os irmáns mostráronse de acordo e dixeron:

—Mellor así que quedarmos inimigos .

E así pasou a ter cada un unha parte do reino, e viviron co pai felices o resto dos seus días.


Lección / Moraleja:
Por editar.
OTROS CUENTOS DE Hermanos Grimm
Cuentos Infantiles, audiocuentos, nanas, y otros en CuentoCuentos.net © 2009 Contacta con nostrosAviso Legal

eXTReMe Tracker

La mayoría del material de CuentoCuentos.net es proporcionado por nuestros usuarios, proveniente del grandísimo almacén que es la red. Si considera que alguno del material expuesto vulnera sus derechos y/o prerrogativas, le rogamos que nos lo comunique contactando con nosotros