Añadir esta página a favoritos
CUENTOS PARA MAYORES
CUENTO O SUBSTITUTO (por Guy de Maupassant)
–¿A señora Bonderoi?

-Si, a señora Bonderoi.

-¡Non pode ser!

-Como o oe.

-¿A señora Bonderoi, a vella dama da cofia de puntilla, a beata, a santa, esa honorable señora Bonderoi dos cabelos postizos que semellan ir pegados arredor do cranio?

-A mesma.

-¡Ouh!, veña, vostede está tolo.

-Xú-ro-llo.

-Daquela, cónteme tódolos detalles.

-Aí van. En vida do señor Bonderoi, o ex-notario, a señora Bonderoi utilizaba, iso é o que se di, ós pasantes para as súas necesidades persoais. É unha desas respectables burguesas de vicios secretos e de principios inquebrantables, como existen moitas. Gustábanlle os fermosos mozos; cousa moi natural. ¿Non nos gustan a nós as boas mozas?

Unha vez que o vello Bonderoi morreu, a viúva empezou unha vida á conta das rendas, apracible e irreprochable. Frecuentaba con asiduidade a igrexa, falaba con desprezo dos demais e non daba nada que dicir.

Logo foi indo vella e converteuse na mulleriña que vostede coñece, achicada, agreada e teimuda.

Agora ben, voulle conta-la aventura inverosímil que ocorreu o xoves pasado.

O meu amigo Jean d'Anglemare é, como sabe, capitán dos dragóns, acuartelado no suburbio da Rivette.

Cando chegou ó cuartel, o outro día, dixéronlle que dous homes da súa compañía se deran unha tunda soberana. O honor militar ten unhas leis severas. Citáronse para un duelo e, despois de celebralo, os soldados reconciliáronse; interrogados polo seu oficial, contáronlle os motivos da disputa. Chegaran a pelexar pola señora Bonderoi.

-¡Ouh!

-¡Si, amigo meu, pola señora Bonderoi!

Pero, deixemos que fale o gallardo Siballe:

Sucedeu tal e como llo vou contar. Hai aproximadamente dezaoito meses, eu paseaba tranquilamente pola alameda, entre as seis e as sete do serán, cando me abordou unha individua.

Díxome, coma se me preguntase por un enderezo:

–¿Soldado, ¿quere vostede ganar honradamente dez francos á semana?

Eu respondinlle con sinceridade:

–Conte comigo, señora.

Logo díxome:

–Véñame ver mañá, ó mediodía. Eu son a señora Bonderoi e vivo no número 6 da rúa da Tranchée.

–Vaia tranquila, señora, que non faltarei.

Despois marchou moi contenta engadindo:

–Agradézollo moito, soldado.

–O agradecido son eu, señora.

Deille voltas na cabeza a isto deica o día seguinte.

Ó mediodía, eu chamaba á súa casa.

Ela mesma me veu abrir. Tiña unha morea de cintiñas na cabeza.

–Deámonos présa –dixo–, porque a miña criada podería volver.

Eu respondín:

–Eu xa estou disposto, ¿que hai que facer?

Entón botouse a rir e respondeu:

–¿Non comprendes, pillabán?

Prométolle, meu capitán, que eu non me decatara de nada.

Ela veu sentar a pé de min e díxome:

–Se repites unha palabra de todo isto, farei que te metan no cárcere. Xura que serás mudo.

Eu xurei alí o que ela quixo. Pero eu aínda non comprendía. Tiña a fronte anegada de suor. Entón quitei o casco onde estaba o meu pano da man. Ela colleu o meu pano e secoume o cabelo das tempas. Logo vén con que me abraza e murmura ó meu oído:

–Daquela, ¿queres?

–Eu quero o que queira vostede, señora, xa que por iso vin.

Daquela explicouse amplamente con argumentos claros. Cando vin de que se trataba, pousei o meu casco enriba dunha cadeira e demostreille que os dragóns non recúan nunca, meu capitán.

Non é que aquilo me dixese moito, porque a individua xa tiña moita mili, pero nestes negocios non pode un amosarse demasiado esixente, xa que os cartos son escasos. E, ademais, teño que manter unha familia. Eu dicía para min: "Caerán cen francos para o meu pai, neste negocio".

Rematada a faena, meu capitán, púxenme en posición de retirarme. Ben quixera ela que non marchase tan axiña. Pero eu díxenlle:

–A cada un o que lle corresponde, señora. Unha copiña custa dous francos e dúas copiñas custan catro francos.

Ela ben que entendeu o razoamento e púxome un napoleón de dez francos na man. Non me interesaba nada aquela moeda, porque escorre no peto e, cando os pantalóns non están ben cosidos, pode un atopala nas botas ou xa non a volve atopar.

Mentres que eu ollaba para aquela especie de hostia amarela dicindo para min isto, ela contémplame; despois ponse colorada, equivócase sobre o meu xesto e pregúntame:

–¿Paréceche que non é abondo?

Eu respóndolle:

–Non é exactamente iso, señora, pero, se non lle molesta preferiría dúas pezas de cen céntimos.

Deumas e eu lisquei.

Agora ben, meu capitán, teña en conta que xa vai para dezaoito meses o que isto dura. Vou alí tódolos martes á notiña, cando vostede me concede permiso. Ela prefíreo así, pois a súa criada xa está deitada.

Pero, a semana pasada eu atopábame indisposto; e tiven que pasar pola enfermería. Chega o martes e non hai xeito de saír; e non podía soportar perde-los dez francos ós que xa estaba afeito.

Dixen para min: "Se non vai ninguén, acabouse o negocio; o máis seguro é que atope un artilleiro". E iso sentábame moi mal.

Entón mandei chamar por Paumelle, un paisano meu, e conteille o asunto:

–Son cinco francos para ti e cinco francos para min, ¿de acordo?

Acepta o trato e ponse de camiño. Eu xa lle dera as instruccións oportunas. Chamou á porta; ela abriu e mandouno pasar. Non lle mirou para a cara nin se decatou de que non era o mesmo.

Vostede xa me entende, meu capitán, un dragón aseméllase a outro dragón cando levan o casco.

Pero de súpeto, descubriu a transformación e preguntoulle con aire colérico:

–¿Quén é vostede? ¿Qué quere? Eu a vostede non o coñezo.

Entón Paumelle explicouse. Demostroulle que eu estaba indisposto e expúxolle que eu o enviara para substituílo.

Ela ollou para el, obrigouno a xura-lo segredo e despois aceptouno, como ben pode imaxinar vostede, xa que Paumelle non estaba nada mal.

Pero cando aquel sabuxo volveu, meu capitán, non me quería da-los meus cinco francos. Se fosen para min, eu non diría nada, pero eran para o meu pai; e sobre iso non admito bromas.

Eu díxenlle:

–Non es moi serio cos teus compromisos, como corresponde a un dragón, e ¡como deshónra-lo uniforme!

El levantou a man, meu capitán, dicindo que aquel encargo valía máis do dobre.

Cadaquén coas súas, ¿non si? Ninguén o obrigaba a aceptar. Deille unha lapada no nariz. E do resto xa vostede sabe o que pasou.

O capitán d'Anglemare choraba coa risa contándome a historia. Pero tamén me fixo xura-lo segredo que el garantira ós dous soldados.

–Sobre todo, non se lle ocorra traizoarme; gárdeo para vostede, ¿prométemo?

–¡Ouh!, non se preocupe. Pero, ó final, ¿cómo se arranxou todo?

–¿Como? ¡Apóstolle o que queira a que non o adiviña...! A señora Bonderoi conservou os seus dous dragóns, reservándolles un día para cada un. Deste modo, todos contentos.

–¡Ouh! ¡Esa si que foi boa, si que foi boa!

–E os pais anciáns teñen con qué comer. A moral está satisfeita.


Lección / Moraleja:
Por editar
OTROS CUENTOS DE Guy de Maupassant
Cuentos Infantiles, audiocuentos, nanas, y otros en CuentoCuentos.net © 2009 Contacta con nostrosAviso Legal

eXTReMe Tracker

La mayoría del material de CuentoCuentos.net es proporcionado por nuestros usuarios, proveniente del grandísimo almacén que es la red. Si considera que alguno del material expuesto vulnera sus derechos y/o prerrogativas, le rogamos que nos lo comunique contactando con nosotros