Añadir esta página a favoritos
CUENTOS PARA MAYORES
CUENTO A FERRUTXE (por Guy de Maupassant)
En toda a súa vida unicamente tivera unha inesgotable paixón: a caza. Cazaba tódolos días, da mañá á noite, cunha arroutada terrible. Cazaba tanto no inverno coma no verán, na primavera coma no outono, no pantano –cando o regulamento o prohibía na chaira– e nos bosques; cazaba ó axexo, á montería, con can de parada, nun posto, con espello e con furón. Só falaba de caza, soñaba coa caza e repetía sen parar:

–¡Moi desgraciado se debe ser cando a un non lle gusta a caza!

Xa fixera os cincuenta anos, estaba ben conservado, mantíñase forte, aínda que calvo e un pouco gordo pero vigoroso; e levaba a parte de abaixo do bigote afeitado para deixar ó descuberto os labios e ter libre todo o contorno da boca, co fin de poder toca-lo corno con máis facilidade.

Na comarca só o coñecían polo seu nome de pía: don Héctor. El chamábase Héctor Gontran, barón de Coutelier.

Vivía, en pleno bosque, unha pequena casa do país que lle tocara en herdanza e, aínda que coñecía toda a nobreza da zona e batía con tódolos seus representantes masculinos nas cacerías, só visitaba con regularidade unha familia: os Courville, uns amables veciños, parentes políticos desde había séculos.

Naquela casa mimábano, queríano e coidaban del; e el dicía para si: "Se non fose cazador, non querería separarme de vós". O señor de Courville era o seu amigo e compañeiro desde a infancia. Fidalgo agricultor, vivía tranquilamente coa súa muller, a súa filla e o seu xenro, o señor de Darnetot, que non facía nada, co pretexto duns estudios históricos.

O barón de Coutelier ía cear a miúdo á casa dos seus amigos, sobre todo para contárlle-las súas aventuras de caza. Relataba longas historias de cans e de furóns dos que falaba coma se fosen personaxes importantes que el coñecera ben. Desvelaba os seus pensamentos, as súas intencións, analizábaos e explicábaos:

–Cando Médor viu que a galiñola o facía correr así, dixo: "Agarda, boa moza, que imos rir un pouco." Entón, facéndome un aceno coa cabeza para que me fose colocar no recanto do campo de trevo, empezou a ventear ó nesgo con moito ruído, movendo as herbas para empuxa-la peza cara ó ángulo por onde xa non podería escapar. Acontecera todo como el previra; a galiñola, de súpeto, atopouse no lindeiro. Imposible ir máis lonxe sen que me descubran. Dixo para si: "¡Pilláronme, carafio!", e agachouse. Daquela, Médor parou en seco ollando para min; eu fíxenlle un aceno e el acurralouna. Prrrr –a galiñola botouse a voar-, encaro o fusil, ¡pan!, cae; e Médor, cando mo traía, viña movendo o rabo para me dicir: "¿Vaia faena, eh, don Héctor?

Courville, Darnetot e as dúas mulleres rían coma tolos con aqueles pintorescos relatos nos que o barón poñía toda a súa alma. Animábase, movía os brazos e facía acenos con todo o corpo; e, cando falaba da morte da peza de caza, ría cunha estrondosa gargallada e preguntaba sempre como conclusión: "¿Esta si que foi boa, non si?".

A partir do momento en que se falaba doutra cousa, xa non escoitaba e sentaba só a cantaruxar unhas cántigas. E tamén, en canto se facía un intre de silencio entre dúas frases, neses momentos de calma que cortan o rumor das palabras, oíase de súpeto un aire de caza, "Tun, tun, tun, tuntuntún", que o barón lanzaba inchando as meixelas coma se tocase o seu corno.

Só vivira para a caza e envellecía sen sospeitalo nin decatarse diso. De súpeto, tivo un ataque de reuma e tivo que permanecer dous meses na cama. Estivo a piques de falecer de tristura e de aburrimento. Como non tiña criada e lle preparaba a comida un antigo criado, non conseguía nin cataplasmas quentes, nin aloumiños, nin nada do que necesitan os doentes. O criado converteuse no seu enfermeiro e este escudeiro que se aburría outro tanto coma o seu amo, durmía día e noite nunha cadeira de brazos, mentres que o barón xuraba e se consumía entre as sabas.

As donas de Courville ían velo ás veces; e aquelas eran para el horas de calma e de conforto. Preparábanlle a tisana, tiñan coidado do lume e servíanlle amablemente o xantar na beira da cama. Cando elas marchaban, el murmuraba: "¡Recoiro, deberían vostedes vir vivir aquí!". E elas rían con ganas.

Como ía mellor e volvía cazar ó pantano, foi un día cear á casa duns amigos; pero xa non tiña aquel seu entusiasmo nin aquela alegría. Torturábao un pensamento incesante, o temor de que volvese a dor antes de que empezase a caza. No momento en que ía despedirse, mentres as mulleres o envolvían nun mantón, e lle facían un nó no colo, e el se deixaba por primeira vez na súa vida, murmurou cun ton de desacougo: "Se isto volve empezar, estouche aviado".

Cando marchou, a señora de Darnetot díxolle á súa nai:
–Sería ben casar ó barón.

Todos levantaron as mans. ¿Como non se lles ocorrera iso antes? Buscaron durante todo o serán entre as viúvas que coñecían e a escolla rematou nunha muller de corenta anos, aínda fermosa, bastante rica, de bo humor e con boa saúde, que se chamaba dona Berthe Vilers.

Invitárona a pasar un mes no castelo e, como se aburría, pois foi. Era parrandeira e alegre; o señor Coutelier agradoulle de contado. Divertíase coma se fose un xoguete vivo e pasaba horas enteiras facéndolle preguntas retranqueiras sobre os sentimentos dos coellos e as maquinacións dos raposos. El distinguía con moita seriedade as diferentes maneiras de ve-los diferentes animais e atribuíalles proxectos e razoamentos sutís como ós homes que el coñecía.

A atención que ela lle prestaba encantáballe; e un serán, para demostrarlle o seu aprecio, propúxolle ir cazar, o que nunca fixera con ningunha muller. A ela, a invitación pareceulle tan divertida que aceptou. Equipala converteuse nunha festa; todos se prestaron a iso e ofrecéronlle algo; e apareceu vestida como unha amazona, con botas, pantalóns de home, unha saia curta, unha chaqueta de veludo demasiado axustada na gorxa e unha gorra de mozo de caza.

O barón semellaba emocionado coma se fose dispara-lo seu primeiro tiro. Explicoulle minuciosamente a dirección do vento, as diferentes paradas dos cans e a maneira de tirarlles ás pezas; despois foina levando cara a un campo, seguíndoa paso a paso coa solicitude dunha ama de cría que mira como o seu bebé camiña por vez primeira.

Médor atopou, arrastrouse, parou e levantou a pata. O barón, detrás da súa alumna, tremía como unha folla. Balbucía:

–Coidado, coidado, son per... per... perdices.

Aínda ben non acabara cando un gran ruído se botou a voar desde a terra -brrr, brrr, brrr- e un rexemento de grandes paxaros ascendeu no aire batendo as ás.

A señora Vilers, asustada, pechou os ollos, soltou os dous tiros e retrocedeu un paso debido á sacudida da escopeta; logo, cando recobrou o sangue frío, percibiu ó barón, que bailaba como un tolo, e a Médor, que traía dúas perdices na boca.

A partir daquel día, o señor Coutelier namorouse dela.

Dicía levantando os ollos: "¡Qué muller!" e ía tódolos días para falar de caza. Un día, o señor de Courville, que ía na súa compaña e o escoitaba extasiarse coa súa nova amiga, preguntoulle subitamente:

–¿Por que non casa vostede?

O barón quedou pasmado:

–¿Eu? ¿Eu? ¿Casar con ela?... Pero... de feito...

E calou. Despois, apertando con precipitación a man do seu compañeiro, murmurou:

–Deica logo, amigo meu –e desapareceu a grandes pasos na noite.

Pasaron tres días sen que volvese. Cando reapareceu estaba pálido a causa das súas reflexións e máis serio que de costume. Levando á parte ó señor de Courville díxolle:

–Tivo vostede unha idea estupenda. Intente preparala para que me acepte. Raios, unha muller así, é coma se estivese feita para min. Cazaremos xuntos todo o ano.

O señor de Courville, seguro de que non sería rexeitado, respondeu:

–Pídalle a man de contado, meu querido amigo. ¿Quere vostede que me encargue eu diso?

Pero o barón turbouse de súpeto; e balbucindo:

–Non... non..., primeiramente cómpre que eu faga unha pequena viaxe... unha pequena viaxe... a París. Ó meu regreso, respondereille definitivamente.

Non puideron conseguir máis aclaracións e marchou ó día seguinte.

A viaxe durou moito tempo. Pasou unha semana, dúas semanas, tres semanas e o barón de Coutelier non reaparecía. Os Courville, estrañados, inquietos, non sabían qué lle dicir á súa amiga, que xa fora previda por eles da marcha do barón. Cada dous días ían á súa casa a buscar novidades; ningún dos seus criados recibira nada.

Agora ben, un serán, cando a señora Vilers cantaba acompañándose do piano, chegou unha criada, con gran misterio, buscar polo señor de Courville, dicíndolle en voz baixa que un señor preguntaba por el. Era o barón, cambiado, envellecido, con traxe de viaxe. Nada máis ver ó seu vello amigo, colleulle as mans e cunha voz un pouco cansa dixo:

–Agora mesmo acabo de chegar, amigo meu, vou ir á súa casa, xa non podo máis–. Logo, dubidou visiblemente azorado: –Quería dicirlle... de contado... que ese... ese asunto... xa sabe vostede... fallou.

O señor de Courville ollaba para el estupefacto.

–¿Como? ¿Fallou? ¿E por que?"

–¡Ouh, non me pregunte, por favor, sería demasiado penoso dicilo, pero pode estar seguro de que eu actúo... como un home honrado. Non podo... Non teño dereito, compréndao, non teño dereito a casar con esa dona. Esperarei a que marche para volver á súa casa; resultaríame demasiado doloroso volver vela. Adeus.

E marchou. Toda a familia deliberou, discutiu, supuxo mil cousas. Chegouse á conclusión de que na vida do barón se agachaba un gran misterio, que, se cadra, tiña fillos naturais, unha vella relación. Por fin, o asunto semellaba grave; e para non entrar en complicacións difíciles, advertiron con coidado á señora Vilers, que volveu para a súa casa tan viúva como chegara.

Pasaron tres meses máis. Un serán, como ceara a fartar e tatexaba un pouco, o señor de Coutelier, mentres fumaba a súa pipa pola noite co señor de Courville, díxolle:

–Se vostede soubese a cantidade de veces que penso na súa amiga, sentiría mágoa de min.

O outro, a quen a conducta do barón naquela circunstancia o ofendera un pouco, soltoulle axiña o que pensaba:

–Demo, amigo meu, cando un ten segredos na súa existencia, non se vai tan adiante como foi vostede; porque, ¿qué quere que lle diga?, tamén puido preve-lo motivo da súa retirada.

O barón, confuso, deixou de fumar.

–Si e non. En fin, nunca crería o que sucedeu.

O señor de Courville, impaciente, continuou:

–Hai que prevelo todo.

Pero o señor de Coutelier, sondando cos ollos as tebras para estar seguro de que ninguén escoitaba, continuou en voz baixa:

–Ben vexo que os ofendín e voulles dicir todo para que me desculpen. Desde hai vinte anos, amigo meu, só vivo para a caza. Non me gusta outra cousa, xa o sabe vostede, só me ocupo diso. Por iso, cando contraín un compromiso con esa dona, entroume un escrúpulo, un escrúpulo de conciencia. Hai tanto tempo que perdín o costume de... de... do amor, en fin, eu non sabería se sería aínda quen de... de... xa sabe vostede... ¡Imaxine! Hai agora exactamente dezaseis anos que... que... que... por última vez, ¿comprende? Neste país, non é fácil de... de... xa se pode dar conta. Ademais, tiña outras cousas que facer, prefiro disparar un tiro. Nunha palabra, no momento de comprometerme perante o alcalde e o cura no... no... que vostede xa sabe, collín medo. Dixen para min: Carafio, e se... se... fallase. Un home honrado non falta nunca ós seus compromisos; e eu adquiría un compromiso sagrado con respecto a esa persoa. En fin, para ter as cousas claras, prometinme ir pasar oito días a París".

"Ó cabo de oito días, nada, pero nada. E non foi porque non ensaiase. Collín o mellor de tódalas posibilidades. Asegúrolle que fixeron o que puideron... Si... certamente, non desprezaron nada... Pero, ¿que quere vostede? Retirábanse sempre coas mans baleiras... baleiras... baleiras".

"Entón, esperei quince días, tres semanas, sempre esperando. Comín nos restaurantes unha morea de cousas picantes, que me estragaron o estómago, e... e... nada... sempre nada".

"Comprenderá vostede que nesas circunstancias, diante desa comprobación, o único que podía era retirarme. E foi o que fixen".

O señor de Courville retorcíase para non rir. Apertou con forza as mans do barón dicíndolle: "Compadézoo", e levouno ata a metade do camiño da súa casa. Logo, cando se atopou a soas coa súa muller, díxollo todo, afogando de risa. Pero a señora de Courville non ría; escoitaba moi atenta e, cando o seu marido rematou, respondeu con moita seriedade:

–O barón é un necio, querido, tiña medo e iso é todo. Voulle escribir a Berta para que veña, e de contado.

E como o señor de Courville obxectase a longa e inútil proba do seu amigo, ela continuou:

–¡Boh!, cando un ama á súa muller, ¿comprendes?, esas cousas pasan sempre.

E o señor de Courville non replicou nada, un pouco confuso el mesmo.


Lección / Moraleja:
Por editar.
OTROS CUENTOS DE Guy de Maupassant
Cuentos Infantiles, audiocuentos, nanas, y otros en CuentoCuentos.net © 2009 Contacta con nostrosAviso Legal

eXTReMe Tracker

La mayoría del material de CuentoCuentos.net es proporcionado por nuestros usuarios, proveniente del grandísimo almacén que es la red. Si considera que alguno del material expuesto vulnera sus derechos y/o prerrogativas, le rogamos que nos lo comunique contactando con nosotros