Añadir esta página a favoritos
CUENTOS CLáSICOS
CUENTO A SOMBRA (por Hans Christian Andersen )
Nos países cálidos do sur, o sol queima moito. A xente ponse de cor moura e nos máis cálidos ennegrecen. Pois unha vez chegou só a un país cálido un bacharel que viña dun país frío do Norte. Este home pensaba que se podería afacer alí coma na casa, pero axiña mudou de idea. El, e toda a xente asisada, tiña que vivir de portas a dentro, coas contras das fiestras e as portas fechadas todo o día; por iso semellaba que tódolos da casa estaban durmindo ou que non había ninguén nela. A ruela con casas grandes na que vivía construírase tamén de xeito que a luz do sol pegaba nela dende a mañá á noite, ¡e non había realmente quen o aturase! O bacharel que viña do Norte era un mozo moi intelixente, e semelláballe que vivía nun forno candente; foi perdendo forzas, e empezou a enmagrecer. Mesmo a súa sombra era máis pequena cá que tiña antes no seu país e, ás veces, o sol chegaba a consumila de todo. Os dous recuperábanse polo serán, cando chegaba o solpor.

Era moi entretido observar isto: tan pronto como a luz entraba no cuarto, a sombra estricábase pola parede arriba, mesmo chegaba a bater no teito. Para recupera-las forzas tiña que estirarse. O bacharel saía ó balcón para estirarse, e tan pronto como xurdían as estrelas nun fermoso ceo de noite clara sentía coma se lle devolvesen a vida toda. A xente asómase en tódolos balcóns da rúa (nas casas dos países cálidos hai un por cada fiestra), pois necesita toma-lo aire, aínda estando afeita a te-la pel moura. Había moito barullo enriba e embaixo. Os zapateiros, os xastres e todo o mundo saíran correndo á rúa, sacaran unha cadeira e unha mesa, puxeran enriba unha candea acesa, ¡ben seguro que había máis dun milleiro de candeas acesas!, uns falaban e outros cantaban, a xente paseaba, as carruaxes pasaban e os burros trotaban: ¡clin-clin-clin! pois levaban axóuxeres, enterraban os mortos con cánticos, os pícaros tiraban petardos e o reloxo da igrexa daba a hora. Abofé que había moito barullo na rúa. Só na casa que estaba fronte a onde vivía o bacharel estranxeiro había un silencio absoluto, pero alí tamén vivía alguén, pois os balcóns tiñan flores, que medraban fermosas ó sol e iso só podía ser porque as regaban, pero tiña que haber alguén que o fixese, ¡daquela tiña que haber xente na casa! Pola tardiña, a porta de fóra estaba medio aberta, pero dentro estaba escuro, polo menos o cuarto principal. No fondo da casa soaba música. Ó bacharel estranxeiro pareceulle que a música era a máis fermosa que escoitara nunca, pero isto tamén podía ser que só o imaxinase pois para el todo o que había nos países cálidos era bo, de non ser polo sol. O arrendador do bacharel díxolle que non sabía quén alugara a casa de enfronte, non se vía a ninguén nela e o que é a música, a el semelláballe moi monótona.

—É coma se alguén se sentase a tocar unha peza que non lle sae, sempre a mesma peza. E parece que dixese: "Xa a teño". Pero non consegue tocala por moito que o intente.

Unha noite, o estranxeiro espertou, durmira coa porta do balcón aberta, a cortina levantábase pola forza do vento, e pareceulle que un resplandor marabilloso viña do balcón da casa de enfronte, tódalas flores brillaban coma lapas con cores fermosísimas e no medio das flores estaba unha mociña esvelta e preciosa e parecía que o resplandor se debía en parte tamén a ela. Isto abraiouno, pero o que pasara era que el abrira moito os ollos e acababa de espertar. Dun salto, botou fóra da cama e retirou moi a modo a cortina; pero a mociña desaparecera, tamén desaparecera o resplandor e as flores xa non brillaban, aínda que estaban tan bonitas coma antes. A porta estaba entreaberta, e dentro soaba unha música tan melosa e delicada que convidaba a pensar en momentos de pracer. Todo iso era coma resultas dun feitizo. ¿Quen viviría alí?, ¿onde estaría a entrada en realidade? Era un misterio, pois toda a planta baixa estaba ocupada por tendas e a xente da casa non podería atravesar sempre por alí.

Unha tarde, o estranxeiro estaba sentado no balcón cara a fóra. No seu cuarto, detrás, había unha candea prendida; por iso era normal que a súa sombra se reflectise na parede da casa de enfronte. A sombra sentouse no balcón cara a fóra, entre as flores, e cando o estranxeiro se movía tamén se movía ela porque é así como fan as sombras.

"Parece que a miña sombra é o único vivo que se ve na casa de enfronte", pensou o bacharel, "mira con qué fachenda senta entre as flores. A porta está entreaberta, se a sombra fose capaz de entrar na casa e botar unha ollada e volver despois para contarme o que vira. Si, ¡ti deberías servir para algo!" dixo de broma, "¡veña, sombriña, faime o favor de entrar!, ¡a ver!, ¿entras ou que?".

Despois acenou coa cabeza cara á sombra, e a sombra tamén acenou cara a el.

—Vale, entón para dentro, pero non te quedes alí.

Entón, o estranxeiro ergueuse e a sombra no balcón da casa de enfronte tamén se ergueu, o estranxeiro deu volta e a sombra tamén deu volta, e abofé que se alguén puidese fixarse ben había decatarse de que a sombra entrou a través da porta entreaberta do balcón da casa de enfronte cando o estranxeiro entrou no seu cuarto e correu a cortina.

Pola mañá, o bacharel saíu para tomar un café e le-lo xornal.

—Pero, ¿que é o que pasa? –dixo el cando saíu a fóra e lle deu o sol–, ¡non teño sombra! Daquela é que marchou de verdade onte, pola noite pero non volveu. ¡Pobriño de min!

Anoxouse moito, pero non tanto porque a sombra desaparecera senón porque sabía que existía unha historia sobre un home sen sombra, que toda a xente dos países do Norte coñecía, e se o bacharel chegase agora e contase a súa propia historia, habían dicir que lle imitaba e el non quería escoitar iso. Entón decidiu non falar do asunto, e nisto foi moi asisado.

Pola tarde, volveu a saír ó balcón. O mozo puxera a candea detrás del porque sabía que a sombra quería sempre te-lo seu amo á luz, pero non era capaz de atraela. Encrequenouse e estricouse pero non apareceu sombra ningunha. El berraba:

—¡Ven aquí, aquí! –pero non serviu de nada.

Era moi irritante, pero nos países cálidos tódalas cousas medran axiña e despois dunha semana alegrouse ó decatarse de que unha sombra nova lle medraba dende as pernas; cando se expoñía ó sol, a silueta quedaba detrás. Transcorridas tres semanas tiña xa unha sombra bastante boa e, cando el se encamiñou cara ós países fríos, ía medrando a medida que el tiraba cara ó Norte, ata que ó final era tan longa e grande que coa metade tería dabondo.

Entón o bacharel chegou á casa e empezou a escribir libros sobre o que acontecía de verdade nos países cálidos, o que tiñan de bo e fermoso, eses países e así, pouco a pouco, foron pasando os días, os meses e os anos.

Unha tarde, estaba sentado no seu cuarto e, de súpeto, petaron suavemente na porta.

—¡Adiante! –dixo.

Pero non entrou ninguén. Entón levantouse a abrir, e ante el apareceu un home extremadamente fraco, cunha aparencia moi rara. Pero o home ía vestido dun xeito tan elegante que podería ser un aristócrata.

—¿Con quen teño o gusto de falar? –preguntoulle o bacharel.

—¡É ben certo que xa pensara que non me ía recoñecer! –respondeu o home elegante–. Agora teño un corpo de carne e óso e visto roupa. Nunca pensara en ter esta aparencia tan boa. ¿Non recoñece a súa vella sombra? Claro, vostede creu que non ía volver máis. As cousas fóronme ben dende a última vez que estiven con vostede, ¡cheguei a facerme moi rico en tódolos aspectos!; se quero deixa-lo meu oficio, podo facelo en calquera momento.

E despois a sombra fixo tinguilear unha manchea de alfaias moi valiosas que lle penduraban do reloxo e botou a man á súa grosa cadea de ouro que levaba ó redor do pescozo. ¡Como brillaban tódolos seus dedos cheos de diamantes! E todo era auténtico.

—¡Non podo cre-lo que vexo! –dixo o bacharel–, ¿que significa todo isto?

—Claro, isto non é algo común –dixo a sombra– pero vostede tampouco é un home ordinario e eu, coma ben sabe, ando a seguilo moi de preto dende que era cativo. Mais tan pronto como me decatei de que era quen de ir soa polo mundo adiante, boteime a andar pola miña conta. Vivo nunhas circunstancias inmellorables, pero colleume un grande devezo de velo antes de que morrese, ¡porque algún día vai morrer! Tamén quería ver de novo este lugar, pois a todo o mundo lle tira a súa terra. Ben sei que conseguiu unha nova sombra. ¿Débolle algo a ela ou a vostede? Non ten máis que dicirmo.

—¿Pero es ti realmente? –comentou o bacharel–. Isto é formidable. Nunca pensara en que a miña vella sombra puidese transformarse nunha persoa.

—¡Dígame o que lle teño que pagar! –dixo a sombra–. Pois a min non me gusta nada ter débedas!

—¿Como te atreves a falar neses termos? –preguntou o bacharel–. ¿De que cartos me falas? Se o libre que queiras, ¡alégrome moito da túa sorte! Senta ó meu carón, amiga miña, e cóntame un pouco como che foi e que foi o que viches na casa de enfronte á nosa naquel país cálido.

—Si, voullo contar –dixo a sombra, e sentou ó seu carón–. Pero entón vostede tenme que prometer que, cando me atope, nunca lle ha dicir a ninguén na cidade que fun a súa sombra. Eu teño a intención de prometerme en matrimonio; podo manter máis ca unha familia.

—¡Tranquila! –dixo o bacharel–. Non lle vou dicir a ninguén quen es ti realmente. ¡Douche a miña palabra! ¡Prométocho polo meu honor, a miña palabra é palabra de Home!

—¡A miña palabra é palabra de Sombra! –dixo a sombra, pois así era como tiña que falar agora.

Realmente, a sombra era coma unha persoa de verdade. Ía vestida totalmente de negro e con roupa da mellor calidade, con botas de charón e un sombreiro, que se podía encartar ata que só quedase a copa e a aba; é escusado volver falar das alfaias, a grosa cadea de ouro do pescozo e mailos aneis de diamantes. De certo, a sombra ía tan ben vestida que iso era o que facía que semellase unha persoa de verdade.

—Agora voullo contar –dixo a sombra.

E puxo as súas pernas coas botas de charón da maneira máis insolente que puido enriba do brazo da nova sombra do bacharel, que quedou coma un xanciño debaixo dos seus pés. Isto fíxoo por soberbia ou quizais para que a nova sombra estivese pegada ós seus pés. E a outra sombra deitada quedou moi queda e tranquila para escoitar ben, pois quería saber cómo podía alguén liberarse e conseguir se-lo dono de si mesmo.

—¿Sabe vostede quen vivía na casa de enfronte da nosa? –explicou a sombra–, ¡o máis fermoso de tódalas cousas: a Poesía! Eu botei alí tres semanas, e parecía que vivira alí tres mil anos e que lera todo o que se compuxo e escribiu. Este é o motivo polo que digo (e é certo) que eu vino todo e sei de todo.

—¡A Poesía! –exclamou o bacharel–. Ela vive a miúdo coma unha eremita nas cidades grandes. Si, eu vina un chisco de tempo pero venceume o sono, estaba no balcón e brillaba coma a luz do sol do Norte. ¡Conta, conta! Estabas no balcón, entraches pola porta e logo...

—Logo entrei na antesala –dixo a sombra–. Vostede sentaba enfronte e o que vía era a antesala. Non había luz ningunha, todo estaba na penumbra, pero unha porta tras doutra, dunha ringleira de salas e cuartos, estaban abertas e alí había luz. Eu estiven a piques de morrer pola intensidade da luz, e tal sería se non me achegase a onde estaba a mociña sentada. Pero acouguei e deime tempo, ¡pois iso é o que convén facer!

—¿E logo que viches? –preguntou o bacharel.

—Vino todo, e voullo contar, pero... (non é por soberbia miña), pero... como xa son libre, e debido ós meus coñecementos, á parte da miña posición e excelente fortuna, gustaríame que me trate de "Vostede" a partir de agora.

—¡Desculpe! –dixo o bacharel–. É un vello hábito, e os vellos hábitos tardan en desaparecer. Vostede ten razón e lembrareime de facelo. Pero agora cónteme todo o que viu.

—¡De todo! –dixo a sombra–. ¡Porque vin todo e sei de todo!

—¿Como era a sala por dentro? –inquiriu o bacharel–. ¿Coma unha fraga apracible? ¿Coma unha igrexa sagrada? ¿Ou era coma a noite estrelada que se pode albiscar dende o cumio das altas montañas?

—¡Alí había de todo! –dixo a sombra–. Eu non entrei moi dentro, quedei no cuarto anterior na penumbra, pero estaba moi ben alí. ¡Vin de todo e agora sei de todo! Estiven na antesala da Corte da Poesía.

—Pero, ¿que foi o que viu? ¿Desfilaron os deuses da antigüidade polas salas? ¿Puxéronse a loitar alí os heroes do pasado? ¿Puxéronse a xogar graciosos raparigos contando os seus soños?

—Dígolle que estiven alí, e comprenda que vin todo o que hai que ver. Se vostede fose alí, non seguiría sendo unha persoa pero niso foi no que me convertín eu e, ó mesmo tempo, aprendín a coñece-la miña natureza interior e o meu parentesco innato coa poesía. Si, aquela vez que estaba na súa casa non pensei niso; pero, vostede ben viu como sempre que o sol saía e se poñía eu medraba. Coa luz da lúa case era máis visible ca vostede. Eu non comprendía daquela a miña natureza, ¡na antesala recoñecina! ¡Fíxenme persoa!... Madurei de súpeto, pero vostede xa non estaba nos países cálidos. Avergoñeime coma calquera persoa de ir alí na miña condición: necesitaba unhas botas, roupa e todos eses atavíos das persoas, que lles serven de distintivo... Escondinme (por certo, isto confíollo a vostede pero non o debe escribir en ningún libro), digo que me escondín, debaixo das saias da pasteleira. ¡A muller non imaxinaba o que se agochaba alí! Foi á noitiña cando me fun, corrín polas rúas á luz da lúa, estriqueime polo muro, sentía cóxegas nas costas. Corrín cara a arriba e cara a abaixo e axexei pola fiestra máis alta da sala e a través do tellado, dende onde ninguén podería mirar e ¡vin o que ninguén puido ter visto xamais! En realidade, era un mundo mesquiño. ¡Non me gustaría ser unha persoa, se non fose porque algo de proveito se saca por selo! Vin que clase de cousas tan incomprensibles ocorrían coas mulleres, cos homes, cos irmáns e cos coitadiños rapaces. Vin –dixo a sombra– o que ninguén viu e o que a calquera lle gustaría saber dos seus veciños. ¡Se eu escribise nun xornal, ben seguro que o ían ler! Pero eu escribín directamente ás persoas pertinentes e sentían pavor en tódalas cidades que visitei. ¡Tíñanme tanto medo que por iso se sentían moi atraídos por min! Os catedráticos fixéronme catedrático, os xastres déronme roupa nova (agora estou ben provisto), os directores dos Bancos acuñáronme unha moeda propia,...¡e así foi como cheguei a se-lo home que son agora! E agora marcho, aquí está a miña tarxeta co enderezo, vivo nos lugares onde vai sol e sempre estou na casa cando chove.

E a sombra partiu.

"Foiche ben sorprendente", pensou o bacharel.

Pasaron os días e os anos, e a sombra regresou.

—¿Como lle vai? –preguntoulle a sombra.

—¡Boh! –dixo o bacharel–. Estou a escribir sobre o Xusto, o Bo e mailo Fermoso, pero ninguén se preocupa de oír este tipo de cousas. Estou un pouco desesperado, porque para min son moi familiares.

—¡Pois para min non! –dixo a sombra–. Eu estou a facerme rico e iso é o que queren as persoas. Claro, vostede non entende o mundo, e está a enfermar. Procure viaxar. Eu marcho de viaxe no verán, ¿quere vir comigo? Gustaríame ter un camarada de viaxe. ¿Quere viaxar comigo como a miña sombra? ¡Podémolo pasar ben! Eu pago a viaxe.

—¡Iso é unha tolemia! –dixo o bacharel.

—¡É como un queira tomalo! –replicou a sombra–. Faríalle ben viaxar. Se vostede fose a miña sombra, iría a gastos pagos.

—¡Mesmo era o que me faltaba! –concluíu o bacharel.

—¡Pero así lle é o mundo —dixo a sombra— e así seguirá a ser!

E a sombra marchou.

O bacharel non era nada afortunado. Perseguíano a dor e a desgracia, e o que contaba do Xusto, Bo e Fermoso tiña tan pouca importancia para a maior parte da xente que era coma darlle pan a quen non ten dentes. Ó final enmagreceu gravemente.

—¡Semélla-la túa sombra! –dicíalle a xente. E iso facíalle sentir un arrepío, pois esas palabras dábanlle moito que pensar.

—¡Debe ir ás augas! –díxolle a sombra, que o viñera visitalo–, ¡non ten outra alternativa para curar! Fareino pasar por un vello coñecido, pagarei a viaxe e vostede describirá todo o camiño para min e farame a viaxe entretida. Eu tamén quero ir ás augas; a miña barba xa non medra coma antes, e isto débese a unha enfermidade que se pode contraer, ¡e eu necesito ter barba! ¡Veña, teña xuízo e acepte a miña proposta, viaxaremos coma dous camaradas!

E entón marcharon de viaxe xuntos. A sombra era o amo e o amo era a sombra: conducían xuntos, montaban xuntos a cabalo, paseaban xuntos; un a carón do outro, un diante e outro detrás, segundo a posición do sol. A sombra sabía ocupar sempre o lugar do amo. Sen embargo, o bacharel non percibiu iso, pois tiña moi bo corazón e ademais era moi tranquilo e amigable. Entón, un día díxolle á sombra:

—Xa que viaxamos como camaradas e posto que crecemos xuntos dende a nenez, podiamos atuarnos. É moito máis familiar.

—¡Nin falalo! –dixo a sombra, que demostrou se-lo verdadeiro amo–. Pero vostede falou dun xeito tan sincero e directo, que tratarei de face-lo mesmo. Vostede, que é un intelectual, ben sabe o sorprendente que é a natureza humana. Algunhas persoas non poden soportar toca-lo papel de lixa pois dálles moita grima; outras teñen calafríos cando alguén raña cunha unlla nun cristal, eu teño esa mesma sensación cando o oio atuarme. Síntome oprimido coma antes cando vivía noutra situación ó seu carón. Ten que crer que isto é unha sensación, non é producto da soberbia. Non podo permitirlle que me trate de ti, ¡pero eu podo facelo encantado con vostede, e así verá cumprida a metade do seu desexo!

E así foi como a sombra empezou a tratar de ti ó seu antigo amo.

"É bastante desatinado", pensou el, "que eu a trate de vostede e que ela me trate de ti".

Sen embargo, sentiuse obrigado a aceptalo.

Despois dun tempo, chegaron a un balneario, onde había moitos estranxeiros e entre eles unha bonita princesa, que tiña unha doenza: vía demasiado ben e iso era moi desacougante.

En seguida se decatou de que a persoa que chegara era totalmente distinta ás outras.

—Din que está aquí para que lle medre a barba, pero eu vexo o verdadeiro motivo: non reflicte sombra ningunha.

Ela volvérase moi curiosa, e durante un paseo botou a falar co estranxeiro. Como princesa que era non necesitaba andar con rodeos, e entón díxolle:

—A súa enfermidade é que non reflicte sombra ningunha.

—¡A Súa Alteza debe estar moi recuperada! –dixo a sombra–. Sei que a súa enfermidade é que ve todo demasiado ben, pero agora baixoulle un pouco, e vostede xa goza de boa saúde. ¡Eu teño unha sombra moi rara! ¿Non ve vostede esa persoa que anda sempre comigo? Outras persoas teñen unha sombra normal, ¡pero eu non aprecio o ordinario! A miúdo hai xentes que dan ó seu criado un pano de máis calidade para a librea có que visten eles e, do mesmo xeito, eu permitinlle á miña sombra que se refinase facéndose persoa. Seguramente se ha decatar Vostede de que mesmo lle dei unha sombra propia. Iso é moi custoso, pero gústame ter algo orixinal.

"¿Como?", pensou a princesa. "¡Entón é que estou sandada! Este balneario é o primeiro ó que vou. ¡A auga ten poderes máxicos hoxe en día! Eu non quero marchar xa, pois que isto empeza a ser divertido. O estranxeiro paréceme un home moi interesante. ¡Oxalá que non lle medre a barba para que non se vaia!"

Pola noite, a princesa e maila sombra bailaron xuntas no gran salón de baile. Ela era leve, pero a sombra aínda o era máis. Nunca tivera unha parella de baile coma aquela. A princesa contoulle de qué país procedía, e a sombra coñecía o seu país, de feito estivera alí pero xusto cando ela non estaba. A sombra axexara polas fiestras do seu castelo, tanto polas de arriba coma polas de abaixo, e aprendera tanto que podía responder ás preguntas da princesa e facer alusións a moitas cousas da súa morada, deixando isto á princesa abraiada. A princesa pensaba que a sombra debía se-la persoa máis sabia do mundo, e empezou a sentir grande admiración por todo o que ela sabía; e cando bailou coa sombra outra vez namorouse desta coma unha toliña, decatándose a sombra de contado, pois vía que a princesa non podía arreda-los ollos dela. Logo, bailaron unha vez máis; e nestas estivo a princesa a piques de revelarlle o seu amor, pero foi prudente: pensou no seu país, no seu reino e en toda a xente que tiña baixo a súa tutela.

"¡É un home moi sabio!", dixo ela para si, "e iso é bo, e baila de marabilla, e iso tamén é bo, pero ¿terá coñecementos profundos? Iso si que é imprescindible. Teño que comprobalo".

Entón fíxolle unha pregunta moi difícil, que nin ela mesma podería responder. E a sombra puxo unha cara rara.

—Vostede non é quen de responderme –dixo a princesa.

—¡Iso pertence á miña nenez! –argumentou a sombra–. Por iso creo que a miña sombra, que está xunto da porta, pode responderlle.

—¿A súa sombra? –preguntou a princesa–. ¡Sería realmente impresionante!

—¡Mais non lle aseguro que poida facelo! –comentou a sombra–. Pero ¡coido que si!, despois de tantos anos de andar comigo e escoitarme... creo que o saberá facer. Pero, co permiso da Súa Alteza, lembrareille que ten tanta fachenda por terse convertido en persoa que para que ela estea de bo humor e responda de forma axeitada cómpre tratala como unha persoa de verdade.

—¡Paréceme ben! –dixo a princesa.

Entón foi a xunto do bacharel que estaba na porta e falou con el do Sol e da Lúa e da xente de alí e dos estranxeiros, e el falaba con moito xuízo e moi acertado.

"¡Que tipo de home ten que se-lo que ten unha sombra tan sabia!", pensou a princesa. "Sería toda unha bendición para os meus súbditos e o meu reino se o elixise como esposo... Penso facelo.

E axiña se comprometeron, a princesa e a sombra; pero ninguén podería sabelo ata que a princesa chegase ó seu reino.

—Ninguén, nin sequera a miña sombra –dixo a sombra.

¡E tiña bos motivos para pensar así!

Daquela chegaron ó país onde reinaba a princesa cando estaba alí.

—Escoita, meu amigo –díxolle a sombra ó bacharel–, agora eu son tan afortunado e poderoso como se pode chegar a ser, e vou facer algo especial por ti. Sempre vivirás comigo no castelo, pasearás ó meu carón na carroza real e recibirás cen mil moedas ó ano, pero tes que deixar que todo o mundo te considere a miña sombra e nunca dirás que fuches unha persoa. Unha vez ó ano, cando sente no balcón ó sol para que me vexan todos, tes que tirarte ós meus pés, tal como adoita face-la miña sombra. Pois direiche que caso coa princesa e que se ha celebrar esta noite o casamento.

—¡Creo que chegaches lonxe de máis! –dixo o bacharel–. ¡Non quero tratos, non farei nada do que me dis! ¡Iso sería traizoar a todo o país e tamén á princesa! ¡Vouno contar todo: que eu son unha persoa e ti e-la sombra, que simplemente está vestida de home!

—¡Ninguén o ía crer! –replicou a sombra–. ¡Ten xuízo ou chamo ó garda!

—Vou falar coa princesa agora mesmo –dixo o bacharel.

—Eu fareino antes –dixo a sombra–. ¡E meterante no cárcere!

E así foi, pois os gardas obedeceron a aquel que sabían que ía casar coa princesa.

—Estás moi alporizado –díxolle a princesa á sombra, cando esta foi xunto dela–, ¿ocorre algo? Non podes enfermar de aquí á noitiña, xa que imos casar.

—¡Acabo de te-la experiencia máis horrible que pode ter unha persoa! –díxolle a sombra–. ¡Figúrate!... claro é que o miserento cerebro dunha sombra non pode dar para máis, ¡imaxínate, a miña sombra volveuse tola e pensa que é unha persoa e que eu non son máis cá súa sombra, ti mira!

—¡Que arrepiante! –exclamou a princesa–. Pero, apresárona ¿non si?

—¡Por suposto! Coido que non recuperará máis o xuízo.

—¡Coitadiña! –lamentou a princesa–. ¡Que mala sorte! Sería unha verdadeira obra de caridade liberala da súa curta vida; e, pensándoo seriamente, creo que cómpre facelo en segredo.

—¡Que mágoa! –dixo a sombra–. ¡Era unha boa servidora!

E fixo coma que saloucaba.

—¡Ten vostede un corazón tan nobre! –concluíu a princesa.

Pola noite, iluminouse toda a cidade, dispararon os canóns, ¡bum!, e os soldados desfilaron coas armas. ¡Era o casamento! A princesa e maila sombra saíron ó balcón, para amosárense, e aclamounas a multitude.

O bacharel non puido escoitar toda aquela xolda, pois quitáranlle a vida.






Lección / Moraleja:
Por editar.
OTROS CUENTOS DE Hans Christian Andersen
Cuentos Infantiles, audiocuentos, nanas, y otros en CuentoCuentos.net © 2009 Contacta con nostrosAviso Legal

eXTReMe Tracker

La mayoría del material de CuentoCuentos.net es proporcionado por nuestros usuarios, proveniente del grandísimo almacén que es la red. Si considera que alguno del material expuesto vulnera sus derechos y/o prerrogativas, le rogamos que nos lo comunique contactando con nosotros