Añadir esta página a favoritos
CUENTOS CLáSICOS
CUENTO AS ANDANZAS DO XASTRIñO MIúDO (por Hermanos Grimm)
Tiña un xastre un fillo, un rapaz non máis grande có dedo polgar polo que lle chamaban Miudiño; non lle faltaban, sen embargo, valentía e coraxe, e díxolle a seu pai un día:

—Pai, é a miña obriga marchar a andar mundo.

—Paréceme ben, fillo –dixo o home. Colleu unha longa agulla e, na chama dunha candea, fíxolle arredor un puño de cera–. Aquí tes unha espada para o camiño.

Antes de partir, quixo o xastriño xantar unha vez máis coa familia e brincou á cociña para ver qué preparara de despedida a señora Mamá. Pero xa a nai fixera a comida, e a pota estaba enriba do fogón. Entón preguntou:

—Señora Mamá, ¿que temos hoxe para xantar?

—Mira ti mesmo –respondeu a nai.

E o Miudiño brincou ó fogón e quixo axexa-lo que había na pota, pero estarricou de máis o pescozo, enganchouno o vapor do caldo e arrastrouno pola cheminea arriba. Por uns segundos voou sobre o fume, ata que finalmente aterrou no chan. Agora xa estaba no mundo real; primeiro vagou por aí e chegou a entrar de aprendiz de xastre. Pero a comida non lle parecía ó rapaz nada boa.

—Señora, se non nos dá unha comida mellor –díxolle á ama–, hei escribir na porta principal: moita pataca e pouca carne, aquí non serei nunca grande, e marcharei.

—¿Que raio quererás ti, piollo saltón? –dixo a muller, encolerizada; e, acto seguido, colleu un pano e quixo baterlle con el.

O noso xastriño arrastrouse rapidamente debaixo dunha alferga, asomou a cabeza e botoulle a lingua. Ela levantou a alferga para atrapalo, pero xa el brincara por entre os retallos, e cando a muller empezou a separalos coma unha tola buscándoo, coouse por unha fenda que había na mesa e berroulle:

—¡Ei, ei, señora! –el asomaba a cabeza e, cando ela lle quería bater, metíase no caixón. Ó cabo colleuno, e botouno da casa.

O xastriño comezou a camiñar, e chegou a unha grande fraga; alí deu cunha banda de ladróns que planearan rouba-lo tesouro real. Cando viron o xastriño, pensaron: "Un coma este pode meterse pola pechadura e servirnos de ganzúa."

—¡Ei, ti, xigante Goliat! –berrou un deles– ¿ Queres vir rouba-lo tesouro real connosco? Ti ben podes meterte dentro e botárno-las moedas pola ventá.

O xastriño reflexionou; finalmente dixo si, e foi con eles á cámara do tesouro. Alí observou a porta de arriba a abaixo para ver se atopaba algunha fenda pola que coubese; axiña descubriu unha suficientemente grande, e comezou a rubir ata ela. Un dos dous vixías da porta viuno e díxolle ó outro:

—¿Que raio de araña noxenta está a se arrastrar pola porta? Hai que esmagala.

—¡Veña, deixa a araña en paz, que non che fixo mal! –díxolle o compañeiro.

Así, Miudiño conseguiu entrar na cámara, abriu a fiestra e comezou a botarlles moedas ós ladróns, que esperaban alí debaixo.

Cando o xastriño estaba no mellor do seu traballo, oíu que chegaba o rei, que quería comproba-lo estado das súas riquezas, e ocultouse lixeiro. O rei decatouse que faltaban moitas moedas de ouro, pero non imaxinaba quen podería levalas, pois que as pechaduras e mailos pasadores estaban en perfectas condicións e todo parecía ben custodiado. Daquela marchou, e díxolles ás seus sentinelas:

—Poñede moita atención, que anda alguén tralos meus cartos.

E así, en retomando Miudiño o seu traballo, sentiron os gardas que se movían as moedas cun clin, clan, clin, clan. Entraron rapidamente na cámara para colle-lo ladrón, pero o xastriño, que xa os sentira vir, foi máis rápido e agochouse nun recanto, tapándose cunha moeda, de xeito que non se vía nada del.

—¡Aquí estou! –berrou, facendo mofa dos vixías. Estes correron ó sitio; pero, ó chegaren, xa o xastre saltara para outro recanto agochándose baixo das moedas.

—¡Ei, aquí estou! –voaron alí as sentinelas, e xa o xastriño estaba nun terceiro recanto.

—¡Ei! ¡ Ei, aquí estou! –berrou unha vez máis.

E burlouse así dos gardas e mareounos, ata que eles cansaron e marcharon. A continuación, botou as moedas para fóra, unha tras doutra, e en chegando á derradeira lanzouna con tódalas súas forzas, pegou un brinco para subir á mesma e saíu voando pola ventá. Os ladróns loárono moitísimo.

—Es un grande heroe –dixéronlle–. ¿Gustaríache se-lo noso xefe?

O Miudiño deu as gracias polo ofrecemento pero dixo que primeiro quería ver mundo. Despois repartiron o botín; mais o xastriño non colleu nada máis que un ochaviño, xa que era todo canto podía levar consigo.

E así, axustou ben a espada ó corpo, despediuse dos ladróns e puxo terra de por medio. Traballou de aprendiz con outros artesáns, pero non lle acababa de gusta-los oficios, así que finalmente empregouse de mozo nunha pousada. Mais as criadas non o soportaban porque vía todo o que facían en privado sen se decataren elas e despois contáballes ós amos o que as tales collían dos pratos ou da despensa. Entón dixéronlle estas:

—Espera, espera, que xa pagarás por todo isto –e acordaron entre elas facerlle unha xogada en canto puidesen.

E foi así como un día, unha das rapazas estaba apañando herba cando o viu saltando por alí, entre as plantas. Rapidamente, cortou por onde estaba el e meteu o monllo nun pano grande para botalo no comedeiro das vacas. Seguidamente, tragouno unha vaca negra sen magoalo. Pero a el non lle gustaba nada aquel sitio, poia que estaba todo moi escuro e non había luz. Cando muxiron a vaca, berrou:

—Pachín, pachán, pacheiro, ¿está xa cheo o caldeiro? –pero, debido ó ruído de muxir, ninguén o entendeu.

Despois entrou o amo na corte, e dixo:

—Mañá habemos mata-la vaca aquela.

O Miudiño colleu medo, e berrou:

—¡Deixádeme saír primeiro que estou aquí dentro!

O amo oíuno, pero non sabía de onde viña aquela voz.

—¿Onde estás?

—Na negra –respondeu, mais o amo non entendeu o que quería dicir con aquilo da "negra", e marchou.

Á mañá seguinte mataron a vaca. Por sorte, non lle caeu ningunha coitelada enriba cando a cuartearon e despezaron; e el quedou no medio da carne para picar. Como viña o carniceiro face-lo seu traballo, Miudiño berrou con tódalas súas forzas:

—¡Non fagas cortes fondos que estou aquí debaixo!

Ora, por mor do ruído da macheta, tampouco o escoitaron desta vez. Agora si que estaba en apuros, e saltou tan lixeiro dun lado a outro, entre coitelada e coitelada, que non lle rozou nin unha soa e saíu ileso do asunto, pero tampouco puido fuxir. Non había outra solución: tería que ir cos picóns de febras e touciño para face-los chourizos. Sendo alí o seu acubillo un algo estreito, e aínda colgaron os chourizos riba da lareira para afumalos: os minutos e mesmo os segundos facíanselle interminables.

Finalmente, descolgárono no inverno para obsequiar a un visitante. Cando a ama o estaba a cortar en anacos, Miudiño puxo moita atención en non asomar moito a cabeza, non fose o demo que lle atinasen no colo; ata que, ó cabo, chegou a súa oportunidade: respirou aliviado e saltou para fóra.

Como o xastriño non quería ficar nesta casa na que lle saíran as cousas tan atravesadas, botou outra vez a andar mundo. E atopou cun raposo que o atrapou coa boca sen querer.

—¡Señor raposo! –berrou–, son eu o que está atrancado na súa gorxa, déixeme en liberdade.

—Levas razón –contestou–, ti non me enche-lo dente; se prometes darme tódalas galiñas que teu pai ten no curral, déixote marchar.

—Xúroo polo que máis queira –respondeu Miudiño–. Poderá ter tódalas galiñas, doulle a miña palabra.

E así, liberouno o raposo e levouno el mesmo de volta á casa. Cando o pai volveu ve-lo seu meniño, entregoulle encantado tódalas galiñas ó raposo.

—Por iso che trouxen esta moeda tan bonita –dixo, e deulle ó pai o ochaviño que conseguira nas súas andanzas.

—¿Por que recibiu o raposo as pobres churras como xantar?

—¡Ei, parviño, teu pai prefire te-lo seu rapaz na casa antes que as galiñas no curral!


Lección / Moraleja:
Por editar.
OTROS CUENTOS DE Hermanos Grimm
Cuentos Infantiles, audiocuentos, nanas, y otros en CuentoCuentos.net © 2009 Contacta con nostrosAviso Legal

eXTReMe Tracker

La mayoría del material de CuentoCuentos.net es proporcionado por nuestros usuarios, proveniente del grandísimo almacén que es la red. Si considera que alguno del material expuesto vulnera sus derechos y/o prerrogativas, le rogamos que nos lo comunique contactando con nosotros