Añadir esta página a favoritos
CUENTOS CLáSICOS
CUENTO O AMADO ROLAND (por Hermanos Grimm)
Unha vez era unha muller, unha bruxa en realidade, que tiña dúas fillas: unha malvada e fea, á que lle quería ben por se-la súa filla natural, e outra bonita e boa, á que odiaba por se-la súa fillastra. Sucedeu un día que a fillastra tiña un mantelo moi bonito; a outra envexábao e esixiulle a súa nai que ese mantelo fose seu.

—Tranquila, nena, o mantelo ha ser para ti –dixo a vella–. A túa media irmá xa hai tempo que merece a morte. Hoxe pola noite, cando estea durmindo, hei entrar no cuarto e cortareille a cabeza. Ti déitate na parte de atrás da cama e empúxaa a ela ben adiante.

E así morrería a fillastra se non estivese agochada nunha esquina e escoitase todo. Non se lle permitiu saír da casa en todo o día; e, ó chega-la hora de durmir, tivo que ir ela primeiro para á cama para que así a pérfida irmá se deitase detrás. Pero en canto esta quedou durmida, a rapaza boa empuxouna cara a adiante e deitouse ela na parte de atrás. Durante a noite, entrou a vella nas puntas dos pés levando unha machada na man dereita e apalpando coa esquerda para busca-la súa víctima. Cando creu que a encontrara, agarrou a machada coas dúas mans e bateu e bateu ata que decapitou a propia filla.

En canto a madrasta marchou, levantouse lixeira a rapaza e correu onda o seu namorado, que se chamaba Roland, petando na súa porta:

—¡Escoita, querido Roland, temos que fuxir xa! A miña madrasta asasinou a súa filla pensando que ela era eu. En canto saia o sol e vexa o que fixo, estamos perdidos.

—Pero, aconsélloche –dixo Roland– que collas primeiro a súa variña máxica, senón non teremos posibilidades de sobrevivir cando saia a darnos caza.

A rapaza colleu a variña, e despois a cabeza decapitada, deixando caer no chan tres gotas de sangue: unha diante da cama, outra na cociña, a outra nas escaleiras. E despois fuxiu co seu amado.

Pola mañá, en canto a vella bruxa se ergueu, comezou a chamar pola súa filla para darlle o mantelo, pero ela non viña.

— ¿Onde estás? –berrou.

—¡Aquí, nas escaleiras que varro! –dixo unha das pingas de sangue. E a vella saíu pero non viu a ninguén nas escaleiras.

—¿ Onde estás? –berrou outra vez.

—¡Aquí, na cociña, á beira da lareira para quentarme! –berrou a segunda pinga. Alá foi a vella á cociña, e tampouco viu a ninguén.

—¿Onde estás? –chamou de novo.

—¡Aquí, na cama onde durmo! –dixo a terceira pinga.

A muller correu cara ó cuarto e, ó achegarse á cama ¿que foi o que viu? A súa filla propia, a quen ela mesma lle cortara a cabeza, no medio dunha poza de sangue.

A bruxa berrou coa rabia, saltou á ventá e alcanzou a ver moi, moi lonxe a fillastra fuxindo co seu amado Roland.

—¡Iso non vos ha salvar! –berrou–. ¡Aínda que esteades tan lonxe, non conseguiredes fuxir de min!

Rapidamente calzou as botas de sete leguas, coas que avanzaba unha hora con cada paso, e en seguida os alcanzou. Pero a rapaza, en canto viu chega-la vella alancando, coa variña máxica transformou a Roland nunha lagoa e a si mesma nun pato nadando nela. Cando chegou a bruxa, sentou nunha ribeira e quixo atrae-lo pato botándolle pan, pero tódalas tentativas foron inútiles. Ó solpor, tivo que marchar sen acada-lo seu propósito. Os dous mozos tomaron de novo forma humana e continuaron a súa viaxe toda a noite ata abri-lo día. Entón converteuse a rapaza nunha fermosa flor situada no medio dunha silveira e o seu namorado Roland nun violinista. Pronto chegou a vella e preguntoulle ó músico:

—Señor Violinista, ¿podería cortar esta fermosa flor?

—¡Claro! –respondeu–, e eu tocarei para acompañar.

A vella arrastrouse ás présas ata a silveira e intentou corta-la flor; ben sabía ela quen era esa flor. Entón comezou o músico a tocar, e a vella botou a bailar e bailar sen poder deterse, xa que aquela música era máxica. Canto máis tocaba Roland, con máis ansia bailaba a vella. As espiñas esgazáronlle primeiro as roupas e despois craváronselle no corpo causándolle feridas, e como el non paraba de tocar, caeu finalmente morta.

Agora xa eran os dous libres e Roland díxolle á rapaza:

—Irei onda meu pai para comezármo-los preparativos da voda.

—Entre tanto, eu ficarei aquí. Transformareime nunha rocha vermella para que ninguén me recoñeza e agardarei polo teu regreso.

Roland marchou, e ela converteuse en pedra vermella e esperou polo seu namorado. Pero cando el chegou á vila, caeu baixo o feitizo doutra moza e esqueceu a pobre rapaza. Ela esperou moito tempo, e como Roland non regresaba, chea de tristeza, transformouse nunha flor, pensando: "Seguro que ha virá alguén pronto, e pisarame". Sen embargo, sucedeu un día que un pastor, coidando das súas ovellas, viuna e pareceulle tan fermosa que a cortou, levouna con el e púxoa no seu caixón. Dende ese momento, ocorréronlle na casa cousas marabillosas. Cando espertaba pola mañá, todo estaba feito: o chan estaba varrido, as mesas e os bancos fregados, o lume aceso na lareira e xa trouxeran a auga. Cando volvía para xantar, tiña a comida feita e a mesa posta e servida. O home non podía imaxinar que era o que estaba a pasar, pois que nunca vía a ninguén alí e tampouco había sitio naquela pequena cabana para que alguén se escondese.

Ó principio gustáballe esta servidume, pero finalmente tivo medo e decidiu pedir consello a unha meiga. Esta dixo:

—Debe de haber un meigallo ou un encantamento detrás de todo iso. O que tes que facer é prestar atención pola mañá, observar se algo se move no cuarto, e, se é así, botarlle rápido un pano branco e acabará o encantamento.

Así, á mañá seguinte, cando o caixón se abriu e a flor saíu, o pastor brincou cara a ela e botoulle o pano enriba, tal como lle dixera a meiga. Ó instante desfíxose o feitizo e alí apareceu a fermosa rapaza esquecida polo seu Roland; ela recoñeceu que fora a flor e que se ocupara da casa. Contoulle tódalas súas desgracias; e o pastor, como lle gustaba, preguntoulle se casaría con el.

—¡Non! –dixo ela, xa que quería seguir sendo fiel ó seu amado Roland sen importarlle que el a deixase, pero prometeulle non marchar e ficar no sitio para coida-la casa.

E chegou o momento no que se ía celebra-la voda de Roland. Seguindo vellas usanzas, fíxose saber en toda a comarca que tódalas mozas debían presentarse para cantar en honor da parella. A boa da rapaza, cando o soubo, púxose tan triste que sentiu que lle caía a alma ós pés; non quería ir, pero viñeron igual buscala. Cando lle ía chegando a vez de cantar, retrocedía na fila pero, finalmente, tivo que facelo. En canto comezou o seu cántico, recoñeceuna Roland, brincou da cadeira e berrou:

—¡Eu coñezo esa voz, esa é a miña verdadeira moza, non casarei con outra!

Todo aquelo que esquecera e que desaparecera da súa memoria, regresou de súpeto ó seu corazón. E así, a boa rapaza casou co seu namorado Roland, sendo isto o final das súas miserias e o principio da súa felicidade.


Lección / Moraleja:
Ayudanos y manda tu interpretación del cuento!!
OTROS CUENTOS DE Hermanos Grimm
Cuentos Infantiles, audiocuentos, nanas, y otros en CuentoCuentos.net © 2009 Contacta con nostrosAviso Legal

eXTReMe Tracker

La mayoría del material de CuentoCuentos.net es proporcionado por nuestros usuarios, proveniente del grandísimo almacén que es la red. Si considera que alguno del material expuesto vulnera sus derechos y/o prerrogativas, le rogamos que nos lo comunique contactando con nosotros