Añadir esta página a favoritos
CUENTOS CLáSICOS
CUENTO AS GRALLAS (por Hermanos Grimm)
Unha vez era un soldado honrado que tiña uns cartos aforrados, porque el era home traballador e non deixaba nas tabernas o que gañaba como facían os outros. Pero tiña dous compañeiros, máis falsos có demo, que o único que pretendían era roubarlle os cartos, polo que eran moi amables con el, claro está, de dentes para fóra. Un día dixéronlle:

—Non sabemos que raio imos facer nesta cidade na que nos teñen pechados coma se fosemos presos. Sobre todo, un coma ti podería gañar bos cartos na propia terra e vivir comodamente.

Con estes falares, insistiron tanto no asunto que acabaron por convencelo e decidiu escapar con eles. Pero os outros dous só tiñan mentes de roubarlle o diñeiro fóra da cidade. Despois de camiñaren un pouco, dixéronlle:

—Agora temos que virar alí á dereita se queremos chegar á fronteira.

—¡Non! Por ese camiño regresamos de novo á cidade. Hai que virar á esquerda.

—¿Que impertinencias son esas? –berraron os outros dous, e comezaron a pegarlle ata que caeu ó chan. Colléronlle os cartos do peto e, non contentos con iso, arrincáronlle os ollos, arrastrárono ata unha forca e atárono alí con cordas. Despois regresaron co diñeiro roubado á cidade.

O pobre cego non sabía en que lugar malfadado o deixaran. Apalpou algo arredor e decatouse de que estaba sentado baixo dun traveseiro de madeira. El creu que se trataba dunha cruz e dixo:

—Aínda foi un detalle por parte deles atarme baixo dunha cruz; así, Deus está comigo –e comezou a rezar.

Contra a noitiña, oíu que algo baía as ás. Eran tres grallas que se pousaron no traveseiro. Oíu como dicía unha delas:

—Irmás, ¿ traedes novas?

—Ai, se os humanos soubesen o que nós sabemos. A princesa está enferma e o vello rei prometeu dala como esposa a aquel que a cure. Pero ninguén pode, xa que o único remedio é queima-lo sapo do estanque e darlle a bebe-la súa cinsa en auga.

—Ai, se os homes soubesen o que nós sabemos –dixo a segunda–. Hoxe á noite caerá do ceo unha xeada tan marabillosa e milagreira que se os cegos untan os ollos con ela han recupera-la vista.

—Ai, se os homes soubesen o que nós sabemos –dixo a terceira–. O sapo axúdalle a unha soa persoa, e a xeada a unhas cantas. Pero a cidade está en perigo, pois que secaron tódalas fontes e ninguén sabe que se se retira a pedra cadrada da praza e se cava debaixo ha correr auga fresca.

E tras diciren isto, oíu o cego como as grallas batían de novo as ás e marchaban. Conseguiu desfacerse das súas ataduras, anicouse, colleu un pouco de herba e pasou a xeada que tiñan polos ollos. Inmediatamente recuperou a vista, viu a lúa e as estrelas no ceo e tamén que estaba ó lado dunha forca. Buscou un recipiente e recolleu toda a máxica xeada que puido encontrar. Despois foi ó estanque e desviou a auga que había nel para poder colle-lo sapo. Queimouno e alá foi coa súa cinsa ó pazo real. Deulla á princesa. E cando esta sandou, reclamouna como esposa, tal e como se prometera.

Mais ó rei non lle gustaba nada o soldado, xa que tiña unha roupa moi pobre. E dixo que, aquel que quixese te-la súa filla debía conseguir primeiro auga para a cidade, esperando así perdelo de vista. Pero o soldado foi á cidade e mandoulle á xente retira-la pedra cadrada e cavar alí. Aínda ben non empezaran a cavar, xa deron cun manancial do que fluía unha forte corrente de auga. O rei xa non lle podía seguir negando a princesa. Casaron e tiveron un feliz matrimonio.

Unha vez que saíu de paseo ó campo, encontrou cos antigos compañeiros que se comportaran con el dunha maneira tan traizoeira. Eles non o recoñeceron, pero el a eles recoñeceunos rapidamente. Achegouse e díxolles:

—Mirádeme, son o voso antigo compañeiro, aquel a quen tan desapiadadamente lle arrincáste-los ollos, pero o bo Deus axudoume.

Entón botáronse ós seus pés pedindo esmola. Como tiña un corazón de ouro, levounos consigo para darlles de comer e vestilos. Despois contóulle-lo que lle pasara e cómo chegara a casar coa princesa. E tras escoita-la historia, eles quixeron pasar unha noite sentados baixo da forca a ver se escoitaban tamén cousas así. Sentaron debaixo do traveseiro, e oíron algo que voaba. Volveron as tres grallas, e unha dixo:

—Escoitade, irmás, alguén debeu de espiarnos, xa que a princesa sandou, o sapo desapareceu, un cego recobrou a vista e na cidade teñen un novo manancial. ¡Veña, busquemos a ver se o atopamos para castigalo!

Saíron voando, e atoparon cos dous alí sentados. Nada máis velos, pousaron nas súas cabezas, arrincáronlle-los ollos e peteiraron na súa cara ata que morreron. E alí quedaron baixo a forca. Ó pasar uns días, como non regresaban, pensou o soldado: "¿Onde estarán estes dous?". E saíu en busca deles. Tan só atopou os seus restos, e levounos dende a forca para darlles sepultura.


Lección / Moraleja:
Por editar.
OTROS CUENTOS DE Hermanos Grimm
Cuentos Infantiles, audiocuentos, nanas, y otros en CuentoCuentos.net © 2009 Contacta con nostrosAviso Legal

eXTReMe Tracker

La mayoría del material de CuentoCuentos.net es proporcionado por nuestros usuarios, proveniente del grandísimo almacén que es la red. Si considera que alguno del material expuesto vulnera sus derechos y/o prerrogativas, le rogamos que nos lo comunique contactando con nosotros